«Escóitame é un proxecto no que darlle voz a quen canta»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Paula Sueiro, promotora da iniciativa, apuntou que haberá audicións en agosto na Casa da Xuventude de Lalín e unha gran gala final nas festas da vila, o sábado das Dores

23 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A cantante lalinense Paula Sueiro Rodríguez acaba de poñer en marcha na vila unha novidosa iniciativa; Escóitame. Que a túa voz traspase fronteiras, un cásting local á procura das mellores voces da contorna.

-¿Como xurde esta idea?

-Estaba buscando desenvolver algo diferente e pensei en poñer en marcha un proxecto no que darlle voz a quen canta. Madurei o proxecto, presenteino no concello e semella que lles gustou. Estou moi emocionada.

-¿Cal será o desenrolo desta iniciativa?

-Para que a xente nos entenda, isto será como o programa de A Voz pero en versión caseira. Haberá audicións na Casa da Xuventude os días 5, 6, 12 de agosto e posiblemente tamén despois do día 15 onde estaremos tres coaches: Nelly, que é recanteira do Luar coma min, estarei eu e Rodrigo Ramos de Barrio Rojo de Lalín. Escoitaremos a todos aqueles que queiran vir a cantar, menores de 18 anos, prepararemos temas os mércores e iremos logo a interpretalos nunha gran gala final nas festas de Lalín, que será posiblemente o sábado na Praza das Pipas ou na Rosalía de Castro. Haberá multitude de premios e de sorpresas, un xurado que nos deixará coa boca aberta, e un primeiro gran premio que será a gravación dunha maqueta nun estudo por xentileza do Concello de Lalín. Agradezo de antemán a colaboración que se me está a prestar dende alí na posta en marcha e no desenrolo desta iniciativa. De non ser por apoios coma ese non se podería facer algo destas características.

-¿Que busca con este tipo de experiencia?

-Non pretendo ensinarlle nada aos rapaces. Non é un enfrontamento o que se busca senón que soñen e que disfruten desta paixón e que a vivan. Cando eu comecei con isto a verdade é que botei de menos este tipo de apoios e de empurróns.

-Novo proxecto que compaxina coa súa participación de recanteira no «Luar» representando á Costa da Morte, ¿como non aposto por ser a figura de Deza?

-É que vivo en Lalín cos meus pais que viñeron para aquí por cuestións de traballo pero a miña xente está na Costa da Morte e a terra tira moito. Non quero decir que non teña apego por Lalín pero o meu corazón pertence á Costa da Morte.

-Conta con apoios de moitos rincóns, feixes de mensaxes e de verbas de alento...

-Estou un chisco abrumada e alucinada. As mostras de afecto son moitas tanto en Lalín coma na Costa da Morte e agradezo todas e cada unha delas.

-¿Pensa vivir da música?

-Tento ser realista. A miña meta é ser xinecóloga e os estudos son o primeiro. Claro que a música é a miña paixón!.

paula sueiro rodríguez cantante