O Rugby Lalín, un clube que sempre é o gran olvidado

La Voz

LALÍN

Tribuna aberta dun grupo de afeccionados dos abellóns

05 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Odía 9 de maio será un día histórico para o Club Rugby Lalín por diversos motivos. En primeira instancia a entidade abellona alcanzará a cifra de 28 anos de existencia. En segundo lugar, o equipo sénior disputará a semifinal da Copa Xunta contra un dos grandes galegos por primeira vez dende o 2008. Pero sobre todo será un día recordado por tódolos lalinenses amantes deste deporte por ser o último partido que o club xogue no estadio Manuel Anxo Cortizo.

Nestes 28 anos foron moitas as xeracións que traballaron para o bo funcionamento da entidade e para darlle difusión a un gran pero minoritario deporte neste país. Un deporte sempre visto neste concello coma un problema. Recordan os máis veteranos que o club nos seus inicios tivo que buscar nos concellos limítrofes un campo donde poder desenvolver a práctica do oval. Falan de Rodeiro, de Dozón, de Agolada,... Pero sobre todo falan do enorme traballo que costou que o rugby puidese xogar os seus partidos en Lalín como o fan a maioría. E de repente, dun día para outro a historia repítese e o gran perxudicado, como non, volve ser o club de rugby. Un club que leva 28 anos formando a xoves e transmitíndolles valores coma o compañeirismo, a humildade ou a importancia da constancia, grandes esquecidos da sociedade actual. Un club que conta a día de hoxe con tres equipos, un total de 80 xogadores federados e máis de 500 socios. Un club que está impartindo o rugby como actividade extraescolar gratuíta en cinco colexios da comarca. Un club no que cada xogador, a excepción do filial, asume tódolos gastos de ficha e equipación. Un club que sempre é o gran olvidado e que pola inminente reestructuración do Manuel Anxo Cortizo vai a ser desprazado a Muimenta para disputar os seus partidos. Entón, con tódolos respetos á xente dese lugar, significa isto que pasará a chamarse club rugby da Balouta? O Concello promete a construción dun novo campo nas inmediacións do Lalín Arena nun prazo máximo de catro anos. Pero o Concello tamén prometeu acondicionar o campo de Barcia no seu día. Un campo de Barcia no que na actualidade xogan o equipo xuvenil e o equipo femenino. Equipos que teñen que vir a ducharse a Lalín ó acabar os seus enfrontamentos por non ter unhas instalacións axeitadas. Agravándose esta situación cando falamos de menores de idade que hai que andar desprazando dun lado para o outro (tanto o equipo local coma o visitante).

O desprazamento a Muimenta suporá unha gran perda de masa social e poñer máis impedimentos ó progreso dun club cuios afeccionados se volven sentir enganados.

¡Pero sí! Claro que o 9 de maio será un día histórico. Volveremos atrás no tempo e teremos que loitar por volver ó noso pobo sendo os grandes discriminados do deporte lalinense e sen tan sequera saber se Muimenta será o novo campo de Barcia.

Afeccionados do Club Rugby Lalín