«Buscabamos un produto cómodo de facer e barato»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

Despois de catro anos sen festas na parroquia, tres veciños reactivan a cita e programan un evento gastronómico

02 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

«É unha mágoa que o día da patrona non haxa nada». Dese xeito se expresa Antonio Rodríguez, quen xunto a Damián Mosquera e Óscar González, decidiron facer o posible para voltar a celebrar as festas do Carme, en Barcia (Lalín), que esmoreceron catro anos atrás.

-Cando comezaron a programar os festexos?

-Non levamos moito tempo. Penso que un mes, non moito máis, pero había que facer algo e puxémonos a elo. Somos unha comisión moi cativa. Só somos tres. Ía entrar outra persoa pero por un problema familiar non nos puido acompañar.

-Despois de catro anos sen festas apostan con forza e programan ata unha cita gastronómica...

-Pensamos que pode atraer xente á parroquia. Nós o que buscabamos era un produto cómodo de facer e barato e por iso pensamos no polo asado. Non é caro e non require de moita dificultade á hora de facelo á parrilla, que é como se fai servir. O menú que se servirá o vindeiro 19 de xullo consistirá en polo asado, patacas, viño, refresco e café; e puxemos un prezo de 10 euros que pensamos que é asequible para unha ampla maioría. Á comisión non lle quedará un peso no menú pero o que desexamos é que sexa unha festa multitudinaria e que o prezo non sexa un inconvinte á hora de poder asistir. Nós tentaremos xuntar algo na barra que instalaremos na carballeira.

-Festa nun entorno de envexa...

-A verdade é que a carballeira é fermosa. Non é da parroquia pero xa falamos cos propietarios da mesma e non puxeron ningún inconviente para que a usaramos para a festa. Será ao mediodía para que precisamente a xente que veña poida disfrutar da espectacularidade da mesma. Lémbrome que sendo eu pequeno moitas persoas xantaban na carballeira pola festa e agardamos que se repita esa iniciativa.

-¿Como acolleu a veciñanza a idea da cita gastronómica?

-Barcia, como moitas parroquias, ten xente maior que sabemos que non asistirá pero non ve mal que se faga. A idea está gustando e, de feito, unha persoa xa nos dixo que serían corenta na festa. Nós con que xuntemos unhas 250 persoas, o sábado 19, nesta primeira edición xa nos damos por moi satisfeitos. Á noite haberá pulpeiro para os que desexen cear alí, na carballeira. Por certo que as reservas para a festa gastronómica se poden facer ata dous días antes do evento, ata o vindeiro 17 de xullo, e tamén instalaremos carpa.

-¿Haberá actuacións musicais?

-Andamos nelo. O cartel da Festa do Polo Asado saíu o luns e axiña publicitaremos a parte musical das festas. A idea é contar o sábado cunha charanga para amenizar o xantar e pola noite unha orquestra e un Dj ata altas horas da madrugada; e para o domingo estamos a barallar a posibilidade de que se celebre unha misa no campo. Son unhas festas que se farán co que se consiga recaudar prácticamente na parroquia polo que serán pequenas.

antonio rodríguez ramista da festa do polo asado de barcia