Carlos Rodríguez: «¿Baixou o consumo de pan? Nós subimos»

AMELIA FERREIROA LALÍN

LALÍN

Santi M. Amil

A indicación recibe hoxe un dos Premios de Gastronomía de Galicia en Lalín

21 feb 2014 . Actualizado a las 06:45 h.

A Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea fíxose cun recoñecemento dos Premios de Gastronomía de Galicia por ser a entidade que máis contribuiu á promoción da nosa gastronomía. Un premio que é, a xuizo do presidente do consello, Carlos Rodríguez, «unha honra máis grande se cabe polo feito de que veña dende unha zona na que abundan os panadeiros, e no que se fai un bo pan. Este recoñecemento nos esixe facer máis esforzos no día a día».

-Un consello regulador no que desenvolven a cultura do pan...

-A cultura do pan, a tradición que nos deixaron os nosos antepasados mantendo ese marchamo de calidade que ten a elaboración do Pan de Cea con produtos auténticos da zona, usando o 75 % de trigo do país e o 25 % de fariña de fábrica de alta calidade. Mantemos esa tradición e dámola a coñecer non só na nosa comunidade senón que o Pan de Cea está hoxe espallado por todo o territorio.

-Segundo algúns informes, coa crise hai un descenso no consumo de pan, ¿pódese aplicar esa afirmación ao Pan de Cea?

-¿Que baixou o consumo de pan? Nós subimos o 13 % a produción. Son datos que corresponden ao primeiro semestre do ano pasado e a falta de coñecer os do segundo. Ao mes saen do consello regulador 100.000 pezas de pan, o que ven a significar unhas 3 ou 4.000 pezas de pan diarias. A verdade é que a nós non nos afectou para nada o descenso de consumo de pan.

-Vamos, que non teñen que cmpetir coas «baguettes»...

-Non teño nada en contra das baguettes e hai xente que as consume, pero tendo no país un pan de tanta calidade penso que é unha mágoa decantarse por ese tipo de produto.

-¿Que retos teñen para este novo exercicio?

-Incrementar a proxección do Pan de Cea. Tentaremos inculcarlles aos galegos que posuímos un produto artesanal dunha calidade extraordinaria e que mesmo están a valorar máis os de fóra que nós mesmos.

Carlos Rodríguez PRESIDENTE DO CONSELLO regulador da ixp PAN DE CEA