Ér ase unha vez unha pequena aldea esquecida do mundo na escura noite da Galicia interior, sen electricidade, sen auga, sen teléfono, sen estradas, na que os nenos tiñan que camiñar máis de tres kilométros diarios cos seus zocos enterrados nas congostras cheas de lama, para ir a escola. Un boa día, os sacrificados pais dun daqueles rapaces, que traballaban de caseiros en bens alleos, mercaron unha vella casa de pedra, coa ilusión de facer nela unha vivenda digna para a súa familia, cousa que nunca lograron, porque se foron demasiado novos, sen chegar a contar con medios para poder arranxala.
Cincuenta anos despois, ese pobo, totalmente restaurado, ben comunicado, e sito nun impresionante entorno natural e medioambiental, constitúe un espello da alta calidade de vida que se pode acadar nas aldeas galegas, e aquela antiga casa, que estivo a piques de rematar en ruínas, como acaban tantas outras que os nosos ancestros construíron coas súas propias mans, foi reconstruída e alberga hoxe, xunto con dúas edificacións máis, o maior e mellor museo etnográfico de Galicia, un auténtico canto silencioso á grandeza da historia, da cultura, da espiritualidade e da beleza do mundo rural galego. Esa aldea é Codeseda, ese Museo, a Casa do Patrón, e ese neno, é quen ten a inmerecida honra de dirixirse a vostedes. Quédome sen palabras para describir a inmensa gratitude que sinto cara os máis de 3.000 doantes de pezas, os 700 socios, os veciños de Codeseda, Doade e Os Muíños, as institucións públicas, os moitos colaboradores anónimos, os 24 estudiantes en prácticas, os 5 compoñentes do equipo do traballo do Museo, e as preto de 15.000 persoas que nos visitaron este ano, por confiar en nós, e facer posible o imposible. Entre todos construímos unha realidade que aqueles ilusionados pais non serían capaces de imaxinar no máis grande dos seus soños. Tras o enorme esforzo que este ano fixemos, prégolles que se acheguen a contemplar a nova imaxe da Casa do Patrón, moi ampliada e mellorada con respecto á anterior, recordándolles que, polas súas orixes, os seus fins, e a nosa forma de pensar e traballar, estamos orgullosos de que sexa a casa de tódolos galegos, que atoparán as portas sempre abertas, como eles nos abriron as súas cando petamos a elas. Gustaríame que os nosos paisanos, sen excepción, comprobaran persoalmente que aquí, ó ladiño da casa, poden gozar dunha das mellores mostras etnográficas da cultura galega, e participar no amplísimo programa de actividades que realizamos, axudando a promocionar o noso patrimonio común, porque, canto máis medre a Casa do Patrón, máis grande será Codeseda, Lalín e a comarca do Deza, onde xa somos un obrigado destino cultural e turístico para toda Galicia. Temos un compromiso ineludible coas persoas de todas e cada unha das Comarcas de Galicia, aquí representadas a través de 80 profesións artesáns, case todas desaparecidas, as súas vivendas, roupas e costumes , e atopámonos felices de poder devolverlle multiplicada a súa xenerosidade, apoio, afecto e ánimo que nos transmitiron en numerosas horas baixas e momentos difíciles que tivemos, estando sempre aí cando máis falta facían. Así nos demostraron a súa verdadeira amizade con milleiros de fermosos feitos ó longo dos quince anos de andaina do museo. Merecen un especial recordo os que se foron quedando polo camiño, que seguirán sempre presentes na nosa memoria. Fai poucos días, asinamos un convenio de colaboración coa Consellería de Educación e o Concello de Lalín, para mostrarlle a tódolos colexios da comunidade as nosas exposicións e invitarlles a participar nas numerosas actividades que desenvolvemos, de xeito prioritario, sendo a nosa intención continuar nesta liña con outros colectivos sociais, especialmente os más débiles e desfavorecidos. Aplicando o sabio refraneiro popular galego, axeitado para estas datas navideñas, estamos poñendo toda a nosa ilusión, o noso saber, o noso traballo e os nosos medios sen regatear esforzo, para garantir a prestación dun servicio público que roce a excelencia, porque «quen moito da, moito recibe» e, nesta liña pensamos continuar, xa que «Do amor, nos vén o valro», e así nolo esixe o cariño e o respeto incondicional que lle profesamos a Galicia, a quen nos debemos. «O amor, págase con amor» e «O amor e a fe, nas obras e ven». Bo Nadal!.
Manuel Blanco Villar, do Museo Casa do Patrón de Codeseda. Lalín