«Custa que unha máquina se adapte a un ser vivo»

LALÍN

Fonteboa organizou unhas xornadas sobre instalacións de muxido nas que se falará de salas, hixiene e robots

14 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A escola de Fonteboa comezou a ofrecer onte unhas xornadas de instalacións, mantemento e hixiene de aparellos de muxido. As actividades están coordenadas por Constante Lorenzo e abertas a tods aqueles que queiran asistir, alumnos e profesionais. As próximas sesións serán os días 20 e 27. Este profesor tamén organiza unhas xornadas sobre inseminación artificial en vacún de leite que se celebrarán os días 3, 10 e 25 de febreiro.

-¿Que temas trataron nese primeiro día?

-A primeira xornada estivo dedicada á mecánica da sala de muxido, cómo se arranxa, as partes que ten...O próximo día falaremos de produtos de limpeza e manexo das instalacións. Para rematar falaremos de robots.

-¿De robots?

-Si, da robotización do muxido, coñeceremos as tendencias e as innovacións neste eido.

-¿Cal é a tendencia?

-A adaptabilidade ao gando, a mellora do estado sanitario e o benestar animal. Trátase de que o muxido sexa correcto, rápido e que a vaca non sufra nada. O robot ten que conseguir a máxima cantidade e calidade do leite. Ademais ten que ser cómodo para o gandeiro. O robot é unha ferramenta que se está introducindo. Custa que unha máquina se adapte a un ser vivo.

-Ademais, estes aparallos son moi caros.

-O caro e o barato son conceptos relativos. É un investimento de 120.000 euros, pero o problema principal non é ese, senón o mantemento. Ata o de agora había unha única empresa que subministraba estes robots, e está en Lalín, polo que se hai calquera incidencia o técnico ten que desprazarse dende aí e tes que ter parado o muxido. Agora hai outra empresa con representación en Galicia que é de robótica e ten un brazo adaptado para o muxido. Son dous conceptos diferentes.

-¿Todas as explotacións son axeitadas para ter un robot?

-Non. O robot esixe unha alta formación por parte do gandeiro. Se non é así non pode aproveitar as vantaxes do robot. Non serve para unha explotación familiar porque esixe que esteas as 24 horas pendente del. No caso de dous ou tres socios pode funcionar moi ben, pero nunha familia crea máis estrés do que quita. Outra cousa é o número de vacas. O robot muxe entre 60 ou 70 vacas. Se tes so dez máis xa precisas outro. Iso limita o crecemento da explotación.

-¿Vostede é máis partidario das salas de muxido?

-Agora hai salas de muxido moi competitivas e moi cómodas, pero iso depende de cada caso.

-Hai xente que fala moi ben dos robots e outra que está decepcionada con eles.

-A gran diferenza está na formación do gandeiro. A adaptación custa moito e supón unha forma de traballar diferente. Cambia moito a filosofía de xestión dunha explotación con robot ou sen robot.

-¿Todas as persoas interesadas poden acudir as xornadas?

-Están abertas a todo o mundo. Impartimolas nunha explotación de Porto Quintáns, na parroquia de Cereo. Na primeira non houbo moita xente de fóra de Fonteboa porque é un tema de mecánica. Nas próximas sesións virá máis xente. O mércores falaremos de hixiene e manexo, con presentación de produtos, o que é moi interesante porque os gandeiros poden coñecer as novidades que hai neste eido. O día dedicado aos robots será o de maior afluencia, porque ese tema tira moito. Nas sesións participarán técnicos de empresas como Westfalia, Alfa Laval ou Hypred.