Sae o cuarto libro do escritor Xabier Quiroga, «O cabo do mundo», que se presentará no IES Laxeiro o día 11
03 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Xabier Quiroga Díaz(Saviñao, 1961) acaba de publicar novo traballo. Trátase da cuarta publicación do escritor e profesor de lingua e literatura galega. Baixo o título de O cabo do mundo agóchanse as teimas dun profesor ao que se lle diagnostica unha grave enfermidade. En total 328 páxinas que arrancan cunha pregunta: ¿que farías se non che quedase nada de vida? Unha pregunta á que se dispón a dar resposta un profesor diagnosticado de cancro terminal. Un home que comeza así a súa procura do esencial da vida, unha investigación centrada nas dúas teimas do seu pasado que non son outras que o seu pai, e a relación que mantiña con el, e coa muller que amou. A urxente búsqueda de si mesmo achegará ao protagonista ao cerne dun segredo amoroso e duns cruentos sucesos da represión franquista levada a cabo polas Brigadas do Amencer nas ribeiras do Miño, segundo apunta o escritor respecto da sinopse deste libro. Partindo dunha minuciosa investigación histórica mesturando realidade e ficción xurde este novo traballo de Quiroga, que se presentará o vindeiro día 11 de decembro ás 20 horas no IES Laxeiro de Lalín. Será a primeira presentación que se faga desta obra, editada por Xerais, e o autor volta a escoller Lalín para facelo debido aos anos que leva residindo na capital dezá e impartindo clases no instituto lalinense. Unha obra que presenta unha pecularidade na súa portada. «É unha foto dun lalinense, ben coñecido por todos, que terá na actualidade sobre 35 anos pero se aplicou un proceso de deterioro sobre a fotografía para que o personaxe aparentase máis anos e se semellara máis ao protagonista do libro que ten uns 48 anos. Hai xente que en seguido o recoñeceu e noutros xurdiron -e xurden- as dúbidas sobre a sús identidade», explicou Xabier Quiroga.
Xabier Quiroga deuse a coñecer como escritor no ano 2002 coa obra Atuando na Braña , unha novela longa que foi finalista do Premio Xerais e obtivo o Premio Losada Diéguez no ano 2003. Dous anos máis tarde, no 2004, aparecer unha novela de formato moito máis bre baixo o título de Era por setembro . O terceiro libro de Quiroga publicouse no 2006, e era unha profunda reflexión sobre o mundo que nos agarda baixo o título de «Se buscabas un deus». Fiel a súa cita bianual cos seus seguidores chega esta cuarta entrega de Quiroga que, tras ser presentada dentro duns días na capital dezá, podería ser tamén achegada aos veciños de O Saviñao. E para os que queiran ir adentrándose na obra saiban que xa se atopa á venda nas librarías galegas.