Nattex-Deza, duelo por dous puntos

LALÍN

Os dous equipos de Primeira Autonómica de balonmán de Lalín protagonizan o seu primeiro derbi en competición. Hai gañas de vitoria, pero sobre todo, de pasalo ben

25 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Tarde de balonmán a que se agarda en Lalín mañá. O Balonmán Lalín de Primeira Nacional afronta ás 18.30 horas ante o Porriño o seu primeiro encontro de Liga na casa, e a continuación, a iso das 20.30 horas, os seareiros terán unha cita con sabor a derbi. O Nattex Balonmán e o Balonmán Deza, os dous equipos de Primeira Autonómica de Lalín, enfróntanse por primeira vez en competición oficial, e fano pelexando por dous puntos.

As ganas de disputar o derbi son palpables e acompáñanse sempre do bo humor e de sana rivalidade; á fin e ao cabo, practicamente todos os homes que mañá sairán á pista do Municipal saíron da mesma casa: o Balonmán Lalín. «No meu caso creo que xoguei con case todos os compoñentes do Nattex, e a algún mesmo o adestrei algunha vez», lembraba onte Sierra, do BM Deza. O xogador-adestrador comentaba que o derbi chega case un ano despois do previsto: «este derbi chega cun ano de retraso, porque xa o tiñamos que ter disputado a tempada pasada en Segunda Autonómica, só que como finalmente nós ascendemos, xa non houbo posibilidade». O dezano recoñece que hai «todas as ganas do mundo», pero, a título individual, prefire non falar de partido especial. «Dende o meu punto de vista non é un encontro máis especial ca outro, pero hai xente que si o ve así; hai quen o afronta como cando se xogaban os Agolada-Silleda, que para moitos era máis importante gañar ese partido ca facer unha boa tempada».

De opinión diferente é o adestrador do Nattex Balonmán, Paco Vilariño, que considera que o derbi de mañá «é especial porque hai moi boa relación entre os dous equipos e a competitividade vai existir; iso si, sempre vista dende un punto de vista moi sano», subliñou o técnico. Vilariño destacou que o Nattex-Deza suporá o primeiro enfrontamento entre dous clubs de Lalín na mesma categoría, e concluíu que «este derbi é un reflexo do bo momento do balonmán en Lalín, onde hai un equipo competindo en Nacional e dous en Autonómica».

No que coinciden tanto Sierra como Vilariño é en que o Municipal rexistre mañá unha boa entrada, e máis aproveitando a disputa anterior do BM Lalín.

Quinielas

¿Quen parte como favorito?. Pois depende de quen resposte a cuestión. Para Sierra o «resultado normal sería unha vitoria deles», pero non descarta, nin moito menos, que o Deza acade o seu primeiro trunfo. «Nós nunca damos por perdido un partido e saímos sempre a pola vitoria. Os vellos temos unha mentalidade gañadora moi grande e nunca baixamos os brazos», afirmou o xogador.

O que fuxe de favoritismos é Vilariño: «a etiqueta de favoritos non a queremos; este sábado vai gañar o que máis sufra e mellor defenda. Nós sempre confiamos na vitoria, pero sabemos que nos vai custar moitísimo».

Dende o Deza prevén que calquera dos dous equipos se deixará a pel na pista, e no caso caso do Deza, Sierra entende que o trunfo pasaría por «parar a Carlos e a Rubén, e por ver cómo se nos da Iago na portería».

Baixas nos dous equipos

A pesar de que os derbis acostuman a apurar os procesos de recuperación dos xogadores, tanto Nattex como Deza chegan ao partido de mañá con baixas. No caso dos de Vilariño Casais e Roberto son baixas seguras, e Diego e José Antonio están entre interrogantes. Pola equipo de Chamorro e Sierra Sebas non poderá gozar do derbi, e Salva é dúbida. O que retorna á convocatoria é Romero.