O tránsito das carencias iniciais á dotación e mellora de servizos

O. P.

LALÍN

Camilo González Bodaño é o único concelleiro da corporación de 1979 que segue en activo en Lalín: «Quen mo iba decir a min: entrei coa idea de estar catro anos, e listo, e o día 19 fago trinta anos como concelleiro»; e apunta que «nunca lle pedín, nin a Cuíña nin a Crespo, ir na lista, nin un número determinado». Bodaño viveu as carencias coas que se atoparon en 1979: «Era moi distinto a hoxe: traballabas moito e non cobrabas nada, estabas ao servizo do pobo. Daquela non había cartos por ningún lado: repartiamos a pedra para os camiños a cestos, non a camións». O tenente alcalde e concelleiro de Obras de Lalín lembra que «o rural estaba completamente abandonado», e suliña o especial esforzo de Cuíña Crespo neste eido. É esclarecedora a súa frase: «Pisei moita lama. O 70% das aldeas non tiñan camiños, non entraban os coches». Daquel Lalín de hai tres décadas, viveu a evolución e a mellora de servizos en xeral, cun debe na dotación de sumidoiros a todo o rural. Apunta González Bodaño a habilidade do desaparecido político de Filgueira para lograr financiación para as obras; unha cuestión na que, ao igual que Carrón Alonso, se refire ao apoio que o entón ministro de Obras Públicas Sancho Rof (UCD) prestou a Lalín. Naqueles primeiros anos destacan proxectos como a Circunvalación -hoxe Avenida Xosé Cuíña e avenida de Madrid, no tramo superior- ou o Mercado de Gando. Bodaño cre que, tres décadas despois, perdeuse o respeto na clase política: antes no debate non había ataques persoais, sinala o veterano concelleiro.