«Son novo e podo dar moito máis de min, sobre todo técnicamente»

LALÍN

O meta vén de dar o salto a Nacional, pero xa sabe o que é recibir o aplauso da afición. Aspira a continuar mellorando, e cré que «aínda non estamos mortos»

30 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Chegar e bicar o santo. Así podería resumirse a incorporación de Iago Ferradás (1989) ao primeiro equipo do Balonmán Buda Lalín. Na súa primeira tempada co primeiro equipo, o meta está a gozar das mesmas oportunidades ca Pablo Pedreira e Carlos Durán á hora de poñerse baixo os paus, algo que recoñece que o pillou por sorpresa.

-¿Contaba con ter tantos minutos en Primeira Nacional na tempada do seu debut?

-Pois a verdade é que non contaba. É a miña primeira tempada xogando co primeiro equipo, e non pensei en entrar en tantas convocatorias, é algo que me da confianza. O adestrador ao principio xa nos dixo que ía confiar en xente nova, e sempre agardas ter minutos, pero supoño que non tantos.

-O ano pasado asinou unha tempada de nota co equipo de Segunda, e este ano as oportunidades que está a ter, semella non desaproveitalas.

-O ano pasado en Segunda era o único porteiro, así que tampouco había máis opcións. Este ano estou facendo unha liga normaliña, porque tamén cambia moito a categoría.

-¿Foi complicado adaptarse?

-Primeira Nacional é máis esixente, este ano todo é máis duro, nótase no nivel dos xogadores, nos partidos e tamén nas sesións de adestramento. Aínda que este ano somos tres porteiro e lévase moito mellor. Nacional tamén é máis física.

-¿Está contento co traballo que está a facer?

-Son novo e penso que podo dar moito máis, pero iso verase co tempo. Supostamente teño boas condicións para ser porteiro, son rápido... pero tecnicamente son un desastre, teño moito que mellorar.

-Pois para ser un desastre, xa logrou arrincar a ovación dos seareiros do Buda Lalín nalgún partido, como foi o caso da visita da Avilesina.

-Todos temos partidos mellores e peores. É unha sensación moi boa cando sabes que fas un partido bo, porque iso anímate a ti, aos compañeiros e á afición. O malo é cando caes nunha dinámica mala, porque podes acabar bastante tocado. O bo do balonmán é que é un deporte de equipo, e os porteiros influímos, pero igual cós demais. O conxunto é o máis importante.

-¿Que tal o de traballar man a man con xente veterana como Pablo ou Carlos?

-Con eles moi ben. Son dous porteirazos e aconséllanme e axúdanme en todo o que poden e podo aprender deles moito.

-¿Que tal se leva o de rotar aos tres metas?

-Polo momento ben. É unha decisión técnica, así que eu non teño moito que dicir; aínda que podería chegar a ser monótono, polo momento, sen problemas.

-Un obxectivo para esta tempada.

-A nivel individual mellorar e axudar todo o que poida ao equipo. En conxunto, pois aínda non estamos mortos. Hai que ir partido a partido, e se collemos unha racha boa, a fase tampouco queda tan lonxe...