«A capoeira pódese adaptar a todos, non é para xente de idade específica»

O. P.

LALÍN

Marcio Torres é profesor de Educación Física brasileiro, e dende hai máis dun ano, imparte clases de capoeira a rapaces dos colexios de Lalín e na Casa da Xuventude. É o representante da Asociación Brasileira de Apoio e Desenvolvemento da Arte Capoeira -Abada Capoeira-, que está presente en 36 países, en Galicia. Unha entidade que trata de promover a cultura brasileira en todo o mundo a través da capoeira.

-Cal é a orixe da capoeira?

-A capoeira é unha loita brasileira, creada polos escravos africanos na época da colonización do país. Era unha loita disfrazada de baile, porque así podían practicala para liberarse dos seus opresores.

-E que é hoxe a capoeira?

-Hoxe envolve esta parte de actividade física e outra parte cultural, vinculada á música que acompaña á capoeira, os alumnos aprenden a tocar, a cantar, e achéganse á lingua portuguesa, porque todos os movementos da capoeira teñen o seu nome nesta lingua, e tamén a través das cancións.

-Quen pode facer esta disciplina?

-Calquera a pode practicar, dende os nenos de tres anos a unha persoa de 90 anos, porque a capoeira pódese adaptar para todos, mesmo para as persoas discapacitadas.

-Cando imparte as clases en Lalín?

-Nos colexios impartímolo como actividades extraescolares, e na Casa da Xuventude para todos as idades. As clases son os luns e os martes, de 20 a 21.30 horas. As persoas interesadas poden solicitar información na OMIX.