O SOL | O |

23 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ONTE ESTREAMOS estación. Estamos en outono. E nótase. Hai veces nas que a climatoloxía pasa de todo , e vai polo seu lado. Entra o verán, e chove que mete medo. Imos para o inverno, e hai que sacar as bermudas. Sen embargo, o outono, non soe errar. Entrar a estación, comezar as Dores e pórse a chover é todo un. A auga non respecta o calendario festivo de Lalín, por moitos ovos que se lle carrexen a Santa Clara. Onte, aínda que boa parte do día a auga deu unha pequena tregua, o tempo non estivo precisamente agraciado. Os participantes e o público que se achegou a desfrutar coa proba de enduro nas inmedicións do auditorio ao aire libre, tivo que tirar de cazadora e botas. Atopar o camiño axeitado para achegarse á zona de bancos converteuse en toda unha aventura para moitos, e sobre todo, moitas, que non viñan preparadas para sortear, pero a pé, as pozas que atravesaban por un dos bordes. Pero como todo é cuestión de ganas, a máis dunha non lle tremaron as pernas á hora de meter medio pé na auga. Un día é un día, e xa secará. As rúas lalinenes non tiñan onte demasiado movemento. A tristura da tarde gris parduzca invitaba a quedar na casa ó quentiño -xa estou tendo pesadelos co inverno- ou, como moito, tomar un cafeiño quente na cafetería do lado. Tampouco estarán moi contentos os donos das atracións e dos postos que se sitúan nas proximidade do Regueiriño. Unha cousa é que polas Dores non escintile o sol coma no verán, e outra ben distinta é que se poña a chover e a facer frío coma onte. De todos xeitos, igual a cuestión só me afecta a min, porque as rúas son estes días unha Babel, pero de modelitos. Poucos días ao ano conviven xerseis de cuello cisne con chanclas. Non sei quen será máis valente. Aí o deixo. A ver se o tempo cambia, da un respiro e respecta as festas. A desfrutar.