O SOL | O |

23 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTAMOS A DÍA 24 de agosto. Vaian desempolvando bufandas, abrigos e botas, porque ao parecer o inverno está ás portas. Estes días paseando (por chamarlle dalgunha maneira) por Lalín atopeime de bruces coa dura realidade dos escaparates. Tralo enorme vidro de varias tendas os maniquís atopábanse enfundados en cores escuras e tecidos contundentes, presaxio do que nos agarda. Como de vez en cando opto por ser positiva, díxenme a mín mesma: tranquila, fixo que remataron os modelitos das rebaixas, e con algo tiñan que encher os escaparates. A realidade atrapoume de novo cando me atopo de cheo cun cartel coa temida «vuelta al cole». Que drama! Iso significa que xa non hai volta. Ben é certo que se polos comercios fose posiblemente a volta á escola habería que preparala a primeiros de agosto, pero é que cada vez adiántase máis. Non creo que vaia tardar moito tempo en ver as librarías cheas de nais e pais encargando libros. Os portáis das pasantías están a rebentar porque setembro está á volta da esquina, e ata as revistas bombardean con abrigos de pel, puchos e catiuscas. Por incrible que semelle, creo que a min tamén me vai afectar iso do síndrome postvacacional. E no meu caso ten delito, porque non fun das que cambiei a pantalla plana do ordenador pola sombrilla e a crema bronceadora. Non quero imaxinarme aos que aínda desfrutan das vacacións, e sobre os que pende a espada de Damocles da conta atrás. Dánme arrepíos. En calquera momento as canles de televisión comezarán a bombardearnos con eternas coleccións de libros de historia, de fascículos sobre plantas ou coches de época. Isto é síntoma indiscutible de que se aproxima o duro outono, preludio dun máis duro aínda inverno. Temos por diante uns cantos meses grises, así que case mellor o tomo con calma e sigo mirando os escaparates de verán.