TRIBUNA ABERTA | O |
16 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.AGOLADA. UN pobo cunha historia que podía vincularse en torno a feira do día 12 de cada mes. Unha feira do mellor gando de becerro rubio onde as haxa, un pobo e unha feira lle mereceu a dedicación dun pasdobre a M. Arake, pianista e compositor zaragozano con lazos familiares en Ventosa. É un lugar alto, definido etimoloxicamente como auga elevada «Aqualata», protexido ao nacente pola sombra do Farelo, e san por definición: Aquí non hai enfermos. Esa é a razón pola que tampouco hai médicos. Nos xornais do pasado verán vimos como un só facultativo tiña que atender a máis de cen persoas diarias prolongando a súa xornada matinal ata as catro da tarde para atender á última persoa que armada de paciencia resistía desde as oita da mañá en xaxún. O sábado un neno enfermou en Agolada. Esto sería normal en calquera outro sitio, pero sendo en Agolada é noticia. Aquí está prohibido enfermar, ou o que ven sendo o mesmo, non está permitido. Este neno, como lles dicía, foi trasladado ao centro médico polo seu pai, pero alí puido comprobar lendo un carteliño onde dí que non había médico, que debería trasladarse a Lalín. Así o fixo utilizando un taxi, pero en Lalín ao comprobar a procedencia remíteno a Agolada onde o deberán atender. O bo do pai explícalle o conto, entón deberá chamar a emerxencias ao 061 para que o trasladen a Santiago. Así o fai, indicándolle que se volva en taxi para Agolada que alí o atenderán. Volta o neno e o seu pai a esperar no centro médico de Agolada, ata que unha chamada do 061 lles avisa que volvan a Lalín, e volta o neno co seu pai a coller o taxi. Desta vez ao parecer si o atenderon. E sabemos o conto porque o bo do pai tivo a valentía de contalo, pero esto ocurre a miúdo. Receitas E isto ocurriulle a este neno, pero o conto aínda non acaba aquí. Se despois de atendelo lle recetan unhas medicinas e vai a única farmacia de Agolada. Alí preguntaríanlle polo interfono se ten receita, e se esta ten carácter de urxencia. Se non a ten deberá ir ao médico a buscala, é dicir, repetir punto por punto a escena do taxi. Por exemplo unha mala indixestión pode provocar a calquera unha acidez estomacal. En calquera lugar iría á farmacia a buscar un antiácido e asunto solucionado. En Agolada non. Deberá ir primeiro a Lalín para buscar a receta. O que ocorre é que un antiácido non precisa receta, e as farmacias de Lalín ou de calquera sitio despacharían este medicamento como se indica no envase «sen receta médica». Quen o probou sábeo. Será por iso que se canta aquela canción que dí «vivir en Agolada que bonito é...».