Falece o compositor, editor, e músico Enrique Alvarellos, un dos dinamizadores culturais de Lugo dende que chegou en 1947
02 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Nos tempos da informática, do vello sistema operativo, do Windows, xa poucos se lembran que un lucense, Enrique Alvarellos Iglesias, foi o autor do sistema oficial de ensino de mecanografía para toda España. Poucos personaxes de Lugo poden dicir que unha obra súa chegase a ser unha ferramenta de traballo para miles de españois. Como tampouco escasos lucenses conseguiron a sona de Alvarellos. Ao redor duns cen mil alumnos pasaron pola academia que fundou, xunto á súa dona, en 1963 na praza de Comandante Manso. O manual de mecanografía é unha máis das importantes obras que deixou o polifacético Enrique Alvarellos. A súa vida finaba onte ao mediodía no Hospital Xeral, logo de loitar durante dous anos contra unha grave enfermidade. Nado en A Coruña en abril de 1931 e criado ata os 16 anos na parroquia de Soutolongo (Lalín), chega a Lugo para estudar no Seminario Diocesano Humanidades e Música. Será na capital lucense onde desenvolverá unha destacada traxectoria profesional e intelectual, sendo membro do Consello da Cultura da Deputación e directivo da Sociedade Filharmónica de Lugo. Dende unha pequena capital de provincias proxecta dúas aventuras, literaria e musical, que marcarán o devir cultural. En 1977 crea a Editorial Alvarellos e en 1981 funda o Orfeón Xoán Montes. Na primeira faceta amosará unha fonda preocupación por recuperar textos do século XVIII e XIX, amosando a súa vea galeguista, e potenciando o traballo de novos e consolidados autores, como Xavier Alcalá , Xabier Rodríguez Barrio ou Manuel María . Hai varios fitos que destacan na vida da editorial, en especial a publicación facsímil das obras completas do Cura de Fruíme ou a Historia de Galicia de Vicetto , ambas en sete volumes. Tamén a editorial serviu de espazo de divulgación académica e docente, unha das maiores preocupacións de Alvarellos. Así, entre os máis de cen títulos que promoveu hai volumes sobre a historia barroca de Lugo, a arquitectura, unha iniciación ás matemáticas para os nenos (feito pola súa filla Cecilia ), partituras de polifonía sacra e profana ou unha obra de Fuxan os Ventos como Galicia canta ó neno . Precisamente a música foi o tronco que vertebrou a súa vida intelectual, sendo compositor, director, estudioso e mestre de músicos. Nos vinte anos que dirixiu o Orfeón Xoán Montes conseguiu levar a coral por diversos escenarios de España e de Europa. Tamén outras agrupacións souberon o seu bo facer musical, como Meigas e Trasgos de Sarria, a Coral de Monterroso, o Coro da Policía Local de Lugo e a Coral de Agolada, que actualmente dirixía. Como compositor o seu traballo foi amplo e polifacético, como o seu transcorrer intelectual. Autor de obras polifónicas, folclóricas, relixiosas e incluso habaneras. É de destacar a Cantata á Lanzada , A nosa misa ou Cantata a Lugo , peza na que traballaba na actualidade. Un home que foi editor, mestre, compositor e dinamizador cultural non podía deixar de lado a literaratura. Novelista en Botei corenta anos (1977) e poeta en Cen anacos (1977).