Ao contrario có Lalín, o Estradense encara hoxe unha difícil visita ao feudo do Gran Peña. Sexto con 43 puntos, o conxunto sureño non perde no seu campo desde o pasado 16 de novembro, cando caeu a mans do líder, o Vilalonga, por 0-1. O Gondomar, por idéntico resultado e na primeira xornada de Liga, e o poderoso Alondras, en outubro (1-2), foron os outros dous equipos quen de levarse o trofeo dos tres puntos co Gran Peña como anfitrión. Sete victorias e catro empates completan a carta de presentación do rival estradense na súa faceta locataria. Mais os pupilos de Eduardo Carregal teñen nos últimos resultados do seu adversario un bo motivo para a esperanza. Así, ademais de sumar tan só oito dos últimos quince puntos en lid, o Gran Peña asinou táboas en tres das catro actuacións máis recentes no seu campo. Barbadás (1-1) e Nogueira de Ramuín (0-0), foron dous dos cadros que lle levaron parte do pastel. En contra, o Estradense ten unha vez máis a limitación de efectivos. Con Diego Castro, Rivas, Arís e Roberto lesionados, Carregal non tivo opción de seleccionar a súa convocatoria, confeccionada co plantel restante: Óscar e Carlos; Toni, Checho, Román, Uzal, Manoliño, Ovidio, Willi, Iago, Lalo, Borja, Javicho, Luisito, Julio e Orosa. O cadro vermellón traballou durante toda a semana unha defensa especialmente atenta ás bandas, polas que o Gran Peña soe crear moito perigo cando xoga na casa.