Á búsqueda do vello castelo

AMELIA FERREIROA LALÍN

LALÍN

Os maiores da parroquia silledense de Escuadro lembran aínda a lenda da súa existencia

16 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

As persoas maiores do lugar de Paredes, na parroquia silledense de Escuadro, lembran aínda hoxe a lenda da existencia na zona dun castelo e dunha fermosa escalinata subterránea. Uns restos que se están a buscar aproveitando as obras de limpeza e acondicionamento que se están a levar a cabo, dende fai un mes, por parte de seis traballadores do Servicio de Incendios e Montes do Distrito Forestal de Lalín da Consellería de Medio Ambiente en colaboración co Concello de Silleda no entorno da Fervenza de Férveda. As tarefas de acondicionamento, consistentes en desbrozar as ribeiras do río Escuadro e limpar de maleza os soutos, rematarán no vindeiro mes de abril e quedará preparado un sendeiro entre a escola de Rellas e Xestoso. A lonxitude de dito sendeiro é de tres kilómetros e, unha vez preparado, impedirase o acceso ós coches co gallo de preservar este espacio natural. Por outra banda, a Asociación de Veciños Olaia de Silleda en colaboración co Concello organiza para o día 19 a terceira Camiñata a Vila de Cruces. A saída está prevista para as nove e media da mañán da gasolineira da vila e rematará no casco urbán cruceño onde se servirán bocadillos e refrescos para tódolos camiñantes. Poden tomar parte na actividade tódolos silledenses que así o desexen, sen límite de idade, e a volta a Trasdeza farase en autobús. O Concello de Silleda porá a disposición dos asistentes unha ambulancia por se pose necesario trasladar ou atender a algunha persoa durante o percorrido. Na segunda Camiñata a Vila de Cruces, celebraba o pasado ano, medio centenar de silledenses tomaran parte nesta actividade lúdica e deportiva organizada pola asociación Olaia.