Investigar sobre a comarca

AMELIA FERREIROA LALÍN

LALÍN

MARCOS MÍGUEZ

O Patronato Cultural de Lalín convoca un premio encamiñado a impulsar os descubrimentos da zona

27 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O consello de administración do Patronato Cultural de Lalín aprobou as bases do Premio Deza de Investigación para este ano. Este premio naceu co obxetivo de motivar e favorecer a aparición de novos estudios e futuras publicacións sobre historia, arqueoloxía, tradicións, economía, xeografía, ciencias naturais e cultura popular da comarca. Plantéxase como unha opción aberta a todo tipo de investigacións, académicas ou aplicadas, individuais ou en grupo. Para o presente exercicio, a temática do tema de investigación é libre e poderán presentarse nas dúas linguas oficiais de Galicia. Establécese un premio en metálico de 1.502,5 euros (249.995 pesetas). Pola súa banda, o Patronato Cultural de Lalín-Seminario de Estudios de Deza adquire o compromiso de publicalo traballo que resulte gañador. Traballos inéditos Poderán concurrir ó premio cantos investigadores o desexen a título persoal ou en grupo e os traballos serán inéditos e terán unha extensión mínima de cen páxinas. Tódolos interesados en concurrir ó devandito premio poderán presentalas súas investigacións ata o 3 de outubro de 2002 na sede do Patronato Cultural de Lalín ou ben poderán remitirse ó apartado de correos 179 e a resolución final do xurado darase a coñecer o vindeiro 15 de decembro. Por outra banda segundo se recolle nas bases, o premio poderá quedar deserto si o xurado estima que non existiren traballos de calidade merecedores do mesmo. Un xurado que estará composto por tres profesionais do mundo da investigación das universidades galegas e un membro do Patronato Cultural-Seminario de Estudios de Deza.