«Ata cunha espumadeira pode verse a eclipse, sempre protexendo os ollos»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

FORCAREI

Miguel Souto

O especialista ofreceu en Forcarei unha charla sobre a seguridade ocular

05 ago 2026 . Actualizado a las 15:29 h.

Para gozar da eclipse do próximo 12 de agosto hai que protexerse. O óptico Francisco Coello Delgado (Ourense, 1958) impartiu unha charla onte en Forcarei para explicarlle aos seus veciños como facelo correctamente.

—Por que é tan importante non mirar directamente ao sol durante a eclipse?

—A natureza é sabia e xa che avisa do que tes que facer. Un día normal ninguén se queda mirando o sol directamente. Enseguida retiras a vista porque a luz che molesta. É certo que no solpor mantemos a mirada, pero aí o sol está a punto de poñerse e está moi baixo e ademais entre o sol e nós hai máis atmosfera que filtra máis a radiación. Aí non fai falla ningún filtro especial porque ademais non miras o circo do sol directamente senón todo o entorno. Na eclipse é diferente. Por moi tapado que estea o sol, a intensidade é moi alta e o risco moi grande.

—Que complicacións podería supoñer?

—Están os danos fotoquímicos sobre as células, provocados polos raios ultravioletas, e os danos provocados polo calor dos raios infrarroxos. Os danos non se notan no momento. Poden aparecer ao día seguinte ou aos tres días. Está comprobado que, cando hai eclipses, nos días seguintes aumentan as consultas oftalmolóxicas. Os danos nas células da retina poden ser irreversibles. Ademais os danos son acumulativos. Quedan aí, e son silenciosos. Digamos que a auga despois cae en patio mollado e podería causar cataratas de aparición máis temperá, por exemplo. Hai que desfrutar da eclipse pero con seguridade. Non nos cansaremos de repetilo.

—Que recomenda?

—Gafas homologadas para a observación directa do sol. Se se usan telescopios ou prismáticos, hai que asegurarse de que teñen os filtros axeitados. Si ou si. Sempre.

—E se non se dispón de gafas deste tipo, hai algún método caseiro que sexa seguro?

—Os métodos indirectos son todos totalmente seguros. Por exemplo, facer un buraco nunha caixa de zapatos, creando unha caixa escura para ver a proxección da eclipse. Sería como unha especie de minicine. Incluso se pode proxectar fronte ao sol unha espumadera de cociña. A luz que entra polos buratos proxéctase na parede ou no chan e así non ves un, senón moitos eclipses. É un método moi caseiro que á xente lle chama moito a atención, pero tamén sería seguro, porque é indirecto.