Entrevista | Dionisio Pereira González Dionisio Pereira baseou as alusións ós presuntos represores en testemuñas orais que non está disposto a citar nun xuízo. Sen embargo, o retracto nin lle pasa pola cabeza
14 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Despois dunha longa traxectoria como historiador e investigador especializado nos movementos sociais da Galicia contemporánea, o cerdedense Dionisio Pereira enfróntase a unha demanda por poñer en relación ó ex alcalde franquista Manuel Gutiérrez e a Francisco Nieto coa represión falanxista no concello. -¿Cometeu algún erro? -Só apuntei de forma prudente o que corría de boca en boca. Non sinalo a ninguén achacándolle accións determinadas. Teño información de accións concretas e terribles que non teño pensado desvelar pero tampouco me gustou nunca deixar zonas de sombra ó facer historia local. Iste traballo non era unha investigación en profundidade. É unha achega local á historia dun pobo pequeno co que tiña un compromiso porque levo 15 anos vivindo nel. -¿Existen probas que relacionen ós aludidos coa represión? -Na represión houbo moitos feitos dos que non hai soportes documentais. Nos consellos de guerra sabemos quen condena, ou na aplicación da lei de fugas, pero dos paseos, asesinatos, malleiras ou humillacións de civiles non hai probas documentais. Eu baseome en testemuñas orais que non se contan cos dedos dunha man nin das duas. Digo en voz alta o que moitos levan vinte anos dicindo en baixo. Dun proceso no que participan únicamente civís vai ser moi difícil atopar neste momento referencias documentais, por falar de maneira suave. As opcións son ou seguir contribuindo ó silencio ou apuntar de forma prudente o que sucedeu, en base ás testemuñas orais. -Os descendentes dos aludidos pídenlle que se retracte, ¿está disposto a facelo? -Non podo nin debo retractarme. Non podo porque está en xogo a dignidade das víctimas e non quero porque as fontes orais que manexo son da miña total confianza e con toda probabilidade son exactas nas afirmacións polas que eu estou demandado. -Se é preciso chegar a xuizo ¿vai empregar esas fontes? -Xamais vou implicar a esas persoas que confiaron en min nun xuizo nin facerlles revivir os malos momentos. -¿Aínda quedan feridas abertas? -Nos sitios pequenos segue habendo moitos problemas para falar. Eu non coñezo persoalmente ós demandantes, pero creo que se equivocaron se o que queren é gardar o bo nome dos seus antepasados. Estos días estase a falar máis ca nunca da posguerra. Eu cada vez sei máis cousas, e todas na liña que apuntaba na miña achega inicial. -Estanlle chegando moitos apoios... -Non esperaba que a xente se volcase comigo desta maneira. Teño ata 250 e-mails de poio. Por unlado emocióname e por outro preocúpame. A xente está alarmada polo talante da dereita, que se está a rearmar coas peores bazas da súa base. -¿Ve algunha man negra trala demanda? -Non me constan probas de intereses políticos, pero si que hai sectores que están tentando pasarnos factura pola recuperación da memoria que estamos a facer. -¿Como cre que resolverá a xustiza? -Sería preocupante que a xustiza se poña puntillosa cunha frase cando nunca se preocupou de investigar os sete asasinatos de Cerdedo. Sería empapelar ó mensaxeiro.