O agolense Miguel Barrio conserva viva unha tradición centenaria conxugando nas súas obras tradición e innovación
11 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O que naceu coma unha aposta convértese a día de hoxe en toda unha realidade de presente, e futuro, para Miguel Barrio, un xardiñeiro de profesión que fai catro anos recibiu a proposta de realizar un cabaceiro para un mozo da Coruña. Malia non ter feito nunca ningún, Barrio aceptou o desafío, e así foi como iniciou o seu vínculo coa fabricación duns artiluxios, que coma outros moitos, están en risco de desaparición pola industrialización da agricultura.
No seu taller da Cornella, en Agolada, Miguel mantén viva a tradición dos cabaceiros, tamén denominados hórreos dos pobres, unhas estruturas empregadas en tempos pasados para a curación do gran e convertidas na actualidade en elementos decorativos. O respecto que Miguel profesa pola tradición no seu traballo é absoluto, dende o emprego de materias primas autóctonas ata os procedementos seguidos. No referente aos materiais empregados, Barrio indica que «a plantación de especies invasoras está a acabar co noso ecosistema polo que cada vez é máis complicado obter os recursos necesarios». Os procedementos seguidos tamén delatan un cerimonioso ritual co que preserva unha tradición centenaria, dende a recollida do material no monte, pasando pola construción da base do cabaceiro, ben con madeira de carballo ou de castiñeiro, o posterior trenzado con bimbio ou polas de salgueiro, cortado sempre en cuarto minguante, pois como sinala Miguel «é cando a lúa ten máis forza». Rematando cun tellado, feito de brezo ou palla, no que destaca a importancia dunha óptima colocación, dado que este material será encargado e responsable de evitar que a humidade chegue ao gran. Finalmente colócao sobre unha base de pedra cun diámetro superior ó do cabaceiro co obxectivo de evitar que os roedores poidan acceder ao codiciado cereal.
A fabricación destas pezas implica un gran traballo posto que á procura do material débese sumar a planificación do mesmo e a propia fabricación, única para cada unha delas. Dáselle pois un valor engadido que o mercado non semella saber apreciar xa que como reivindica Miguel «o problema da artesanía é que está mal pagada para o traballo que dá». Isto provoca que a artesanía sexa para el un complemento á hora de gañarse a vida. Non obstante, o prezo das súas pezas non reside soamente nunha mera cifra económica, senón que o verdadeiro valor atópase na singularidade de cada unha delas, como o propio Miguel indica «cada un dos cabaceiros que fago é único». Sendo este o motivo polo que non desiste no seu afán de conservar viva unha tradición e incluso de poder transformala nun posible modo de vida, apoiándose para iso nos novos medios de comercialización na rede, a través da distribución dos seus cabaceiros por Internet.
A Mostra de Artesanía de Agolada reavivou a paixón artesanal pola fabricación destas singulares pezas, axudando a manter vivo un xeito de traballar cos materiais que a propia terra ofrece. Este é un dos moitos exemplos da importancia que eventos coma estas xornadas teñen para preservar a identidade e sobre todo a autonomía do creador artesán, un concepto que como Miguel recorda «a palabra artesanía provén de arte, pero polo visto ambos non se tratan por igual».