Achegada da autovía a Santiago pode ser unha das transformacións máis importantes da Estrada nas próximas décadas. Mellorará as comunicacións e abrirá posibilidades que hoxe non temos, pero sería bastante inocente pensar que unha estrada, por si soa, trae desenvolvemento. As estradas funcionan nos dous sentidos e, cando nun extremo hai unha cidade con universidade, hospitais, administración, cultura, ocio e emprego, a pregunta non é só canto tardaremos en chegar a Santiago. A pregunta é que vai ofrecer A Estrada para que tamén haxa motivos para quedar, vir ou volver.
Ese é o debate que me interesa. Non facer máis cousas porque si, senón decidir que concello queremos cando esa conexión estea plenamente operativa. Podemos converternos nunha periferia cómoda desde a que marchar cada mañá e á que regresar para durmir ou podemos aproveitar esa proximidade para atraer poboación, actividade e talento. A diferenza non a vai decidir a autovía. Vaina decidir o que fagamos aquí antes de que chegue.
Non estamos inventando nada. Hai gobernos municipais do BNG que levan anos demostrando que un concello pode escoller unha dirección e sostela no tempo. Pontevedra transformou a mobilidade e o espazo público. Allariz converteu a rehabilitación, o patrimonio e a paisaxe nunha parte da súa economía. Tomiño traballou a humanización dos núcleos e a relación entre vila e parroquias. Carballo consolidou durante anos un proxecto de vila con actividade económica e cultural. Moaña, Bueu, O Rosal, Mazaricos, San Sadurniño, A Pobra do Brollón, Barreiros, Soutomaior ou Ribeira son tamén exemplos de realidades moi diferentes nas que o BNG tivo que gobernar problemas concretos e non ideas abstractas.
Non se trata de copiar ningún deles. A Estrada é outra cousa e terá que atopar o seu propio modelo. Pero hai algo que si podemos aprender: un concello pode deixar de limitarse a manter e empezar a transformar.
A primeira prioridade debería ser a vivenda. Perdemos poboación mentres hai casas e pisos baleiros, sobre todo nas parroquias, e xente nova que non atopa onde vivir a un prezo asumible. Mobilizar vivenda desocupada, ofrecer garantías para o alugueiro, facilitar rehabilitación e reclamar vivenda pública non resolverá todo, pero pode empezar a mover unha contradición que levamos demasiado tempo contemplando. Cada casa que volve abrir no rural é tamén consumo, escola, relacións e vida.
Un rural vivo
E se queremos que a xente nova quede, temos que pensar en quen leva aquí toda a vida. A Estrada envellece e a política municipal terá que ocuparse cada vez máis de como se vive esa vellez. Residencias e centros de día, si, pero tamén atención no fogar, transporte, vivendas adaptadas e acompañamento. Moitas persoas queren permanecer na súa casa e na súa parroquia. O reto é que poidan facelo sen que a soidade ou a falta de servizos as obriguen a marchar.
O rural tampouco pode seguir reducido a asfalto, rozas e obras menores. Todo iso é necesario, pero non é un proxecto. Auga, mobilidade, conectividade, actividade agraria e gandeira, monte, vivenda e unha relación permanente coas parroquias si empezan a parecelo. O rural non precisa que o salvemos. Precisa que non lle fagamos máis difícil seguir vivo.
Temos ademais unha riqueza que nunca fomos capaces de integrar nunha política estable. Guimarei, a Ponte de Liñares, os distintos castros, as mámoas, os muíños, os camiños históricos e a arquitectura tradicional non poden depender da seguinte subvención ou de que o deterioro se volva escandaloso. Patrimonio, memoria, cultura, paisaxe e turismo poden formar parte dunha mesma estratexia se hai planificación e recursos continuados.
O mesmo vale para a vila. Unha Estrada máis próxima a Santiago terá que ser tamén máis agradable para vivir. Máis árbores e sombra, máis espazo público pensado para as persoas, unha Praza de Abastos que volva ter vida arredor do produto local, e unha política comercial que entenda que cada baixo pechado é algo máis ca un local sen actividade. Se todo o atractivo está no outro extremo da autovía, non tardaremos en utilizala precisamente para ir buscar fóra o que non atopamos aquí.
E hai unha condición previa a todo isto: outra maneira de gobernar. Planificar, explicar, render contas, respectar a oposición e facer que os acordos do Pleno teñan valor. Escoitar ás parroquias e aos colectivos antes de tomar as decisións, non cando xa só queda anuncialas. Se algún día o BNG goberna A Estrada, o Concello non será do BNG. Será tamén de quen non nos vote.
A autovía pode achegarnos Santiago. O que non pode facer é dicirnos que Estrada queremos ser. Iso teremos que decidilo nós.
E talvez esa sexa a cuestión de fondo: non queremos unha Estrada máis cómoda para marchar. Queremos unha Estrada con razóns para quedar.