A mostra «Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza» arranca mañá na Estrada
A ESTRADA
Na Casa das Letras comeza mañá a terceira das exposicións do ciclo A Estrada Mostra. Despois de abordar as figuras de Manuel Reimóndez Portela e Avelina Valladares no último trimestre, neste caso o protagonista é Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Mañá xoves abrirá as súas portas, con inauguración ás 19.00, a mostra Castelao. De «Sempre en Galiza» ao Consello de Galiza, impulsada pola Fundación Penzol.
A serie de paneis sobre a figura do escritor e intelectual galeguista poderá verse ata o 10 de xaneiro, de luns a venres, de 9.00 a 15.00 e de 17.00 a 20.00, agás os mércores. Será o broche no municipio ao Ano Castelao promovido pola Xunta. Na inauguración participará o conselleiro de Cultura, José López, o rexedor, Gonzalo Louzao, o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo, e o comisario da mostra, presidente da Real Academia Galega e director da Cátedra Castelao, Henrique Montegudo. Este último ofrecerá un percorrido guiado por unha exposición feita baixo a produción da editorial Galaxia.