A Estrada baixa o telón do curso para os alumnos de Arteterapia

naiara gonzález / j. b. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Na actividade participaron quince veciños con discapacidade

01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada tarde do mércores realizáronse na Estrada as actividades de fin de curso dos alumnos de Arteterapia, nas que participaron quince veciños estradenses con discapacidade intelectual, e nas que estivo presente a concelleira de Benestar Social, Amalia Goldar. Nestas xornadas formativas empregáronse artes plásticas para mellorar a saúde e benestar dos asistentes.

Estes obradoiros, que son de carácter gratuíto para os participantes, desenvólvense ao longo de todo o ano, cun pequeno cese durante o mes de agosto. Este curso impártese tres veces á semana, cunha duración de tres horas diarias —de 16.00 a 19.00 horas— nas que, co respaldo da Asociación Galega das Artes, o alumnado emprega a expresión pictórica sobre múltiples soportes. Ademais, estas obras que os asistentes realizan durante o curso, lévanas consigo para as súas propias casas.

Nesta última xornada antes do peche en agosto, os participantes tiveron a oportunidade de amosarlle os seus traballos recentes a Amalia Goldar, ca que compartiron unha agradable merenda. A concelleira expresou o éxito que está a ter este curso entre os veciños e destacou a demanda que hai sobre el: « É unha actividade que funciona moi ben e na que os asistentes se senten moi cómodos, tanto que cando remata o curso xa temos peticións de que volva a comezar».

Estas foron as palabras da concelleira, que anunciou que as aulas retomarán a súa actividade habitual no mes de setembro, co retorno do curso de Arteterapia.