A Estrada estreará este mes os Premios Rebumbio da Comunicación Dixital Local

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Están convocados pola firma Actual Comunicaicón no seu décimo aniversario

12 mar 2025 . Actualizado a las 20:26 h.

A firma estradense de márketing dixital e xestión de redes sociais Actual Comunicación (antes Actualizados Comunicación) vén de convocar a que será a primeira edición dos Premios Rebumbio, enmarcados no primeiro certame da Comunicación Dixital Local. Estes galardóns que buscan distinguir por primeira vez a comunicación dixital realizada na Estrada. O fallo e a entrega terá lugar o sábado 29 na sala Mome, a partires das 13.30 horas.

Un xurado profesional será o encargado de escoller tres finalistas —dos cales sairá un gañador— en cada unha das seguintes categorías: Mellor uso do galego en redes sociais (premiará o correcto emprego do idioma galego no espazo dixital), Mellor uso do humor como recurso comunicativo (premiará a persoas, colectivos ou iniciativas que destacasen pola súa creatividade e talento utilizando a comunicación como ferramenta para entreter, conectar e provocar sorrisos), Mellor iniciativa local en redes sociais (para elixir a actividade ou iniciativa que mellor funcionamento ou resultados acadase en redes sociais en canto a visibilidade ou alcance de público), Mellor difusión da vida estradense (premio á contribución para dar a coñecer, promover e poñer en valor a vida, a cultura e a identidade da Estrada) e Mellor difusión de negocio local en redes sociais (empresas ou profesionais destacados pola súa estratexia en redes para promocionar o seu negocio).

Ademais, Actual Comunicación outorgará de xeito directo o Premio Xove Promesa en Comunicación, unha categoría que busca premiar a incorporación dos mais novos á actividade comunicativa profesional.

O certame enmárcase na xornada divulgativa Transformación da Comunicación e Redes Sociais, organizada por Actual Comunicación con motivo do seu décimo aniversario. Celebrarase o día 29 no Mome, de 9.30 a 13.30, con presenza de profesionais da comunicación de toda Galicia para abordar cuestións como a evolución da comunicación, o impacto das redes, o emprendemento no eido local ou o futuro da comunicación e as redes sociais.