A orquestra popular de Suso Vaamonde chega á Estrada

d. cofán A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

D. C.

O concerto, conformado por seis agrupacións, será o sábado na Farola

10 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A praza da Farola da Estrada será o escenario este sábado ás oito no que teña lugar un concerto único: a Orquestra de Instrumentos Populares Galegos. Unha banda formada por seis agrupacións de música tradicional de diferentes puntos de Galicia, dirixida por Suso Vaamonde, cun repertorio conxunto que busca redescubrir o valor cultural e etnográfico da música popular galega.

O compositor, divulgador e intérprete presentou este concerto acompañado pola concelleira Amalia Goldar. «Poucas veces se da que ata seis asociacións se reúnan para facer un concerto en conxunto. Fuxindo dos macro-festivais nos que cada agrupación aportaba a súa colleita, pero que nos metíamos en 3 ou 4 horas de duración, decidín facer un repertorio común e que participen simultaneamente», explicou Vaamonde. Así, o espectáculo terá unha hora de duración.

Lembrou que nesta «orquestra» participarán músicos non profesionais, só afeccionados, e que abranguen idades dende os seis ata os máis de 80 anos. «Non hai límite de idade, o obxectivo é conxuntar todos os esforzos nun único programa», sinalou.

Os protagonistas serán os integrantes de Aula Permanente de Música Tradicional do Campus de Pontevedra, a Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas, a Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Outes, a Asociación Cultural A Fuliada, o grupo folclórico Hai que Roelo e Tequexetéldere. «A idea é chegar a un punto no que calquera músico que coñeza o repertorio poida vir tocar. O único requisito é coñecer os temas, vir de negro e ter unha cadeira», concluiu.