Rosalía rexurde a ritmo de funk

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

A Estrada lanza un vídeo no que os versos da autora son pura actualidade

24 feb 2022 . Actualizado a las 12:33 h.

A poesía non ten por que ser aburrida. Nin sequera a de 1880. Estao a demostrar cada ano o Concello da Estrada cunha serie de vídeos para festexar o Día de Rosalía que fuxen dos convencionalismos e buscan poñer á moda a poesía rosaliana. Desta volta, o vídeo-homenaxe vén cheo de poesía, de funk e de danza. Nel os artistas Carlos Torres e Andrea Porto establecen un diálogo con Rosalía intercalando os seus versos entre os que compoñen o poema da autora O pazo d’a..., da obra Follas Novas. Poesía, música e baile urbano forman un todo harmónico nesta peza, elevando a palabra rosaliana á máis rotunda actualidade. Todo isto baixo a dirección audiovisual de Lucas Terceiro.

 O vídeo presentouse onte o teatro Principal, nun acto no que alumnos de todos os colexios da vila participaron nun recital rosaliano. A homenaxe espallouse ademáis polos centros educativos da vila, onde durante a mañá se sucederon actos culturais e lúdicos en homenaxe á poeta galega na conmemoración do seu nacemento. No CEIP de Figueiroa, o cantautor Manoele de Felisa ofreceu un concerto no que mesturou os poemas musicados de Rosalía con outros do repertorio propio. Os rapaces escoitaron con coñecemento de causa o poema Nascín cando as plantas nascen, que xa traballaran nas aulas. O colexio Pérez Viondi recibiu a visita da escritora Rosalía Morlán no marco da actividade Dende Trazo ata Padrón coas Rosalías. A autora, que será a madriña da XI Festa das Palabras, achegou aos nenos ao universo da poesía e fíxolles unha chea de agasallos cargados de significado, como unha árbore feita de follas cunha morea de palabras ou un peixe, un galo e un lagarto para os pequenos de Infantil. Mentres, no CEIP de Oca cantouse a coro No bico un cantar e no do Foxo houbo performance, rap rosaliano e recitado do poema Pra Habana en cinco linguas: galego, castelán, inglés, francés e linguaxe de signos. No IES Antón Losada a celebración foi con teatro. Oito alumnas da aula de teatro Avelaíñas, dirixida por Fran Campos, puxeron en escea a adaptación teatral de dous poemas da homenaxeada.

En Lalín, o Concello celebrou unha acto simbólico ante o monolito dedicado a Rosalía de Castro no parque de Loriga. A tenente alcalde Paz Pérez Asorey e a concelleira Marisa Álvarez —no seu último acto público como edila— fixeron a ofrenda floral.