Miguel Carbajal: «Cando fas algo a fondo, ata soñas con iso»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

E CUIÑA

Participou en campionatos do mundo de hípica e de rastrexo cun can co que prestara axuda en Turquía

25 abr 2021 . Actualizado a las 10:38 h.

«Cando queiras facer algo a fondo, tes que volcarte de tal maneira que soñes con iso». É a frase que Miguel Carbajal (A Estrada, 1965) inculcou aos seus dous fillos, e pode ser un resumo da vida deste polifacético profesor de música do instituto García Barros, na súa vila. Porque cando se involucra nun determinado ámbito, vai ata as últimas consecuencias. Só así pode explicarse que chegara a participar en campionatos mundiais de disciplinas tan diversas como a hípica ou o rastrexo cinolóxico, todo iso en paralelo a unha actividade docente que vai moito máis alá da formación nas aulas.

A música e os cans son de sempre as súas paixóns. Á primeira chegou despois de plantar os estudos aos 14 anos, cando tiña que repetir 1º de BUP e foi traballar ao taller de maquinaria agrícola de seu pai. Un cliente trompetista da Orquestra Compostela, Fermín López, confirmou a súa valía para a música e con el comezou a estudar solfeo. Viñeron logo outros mestres, e os estudos no conservatorio de Santiago ata completar a carreira superior de música na especialidade de guitarra clásica. Compaxinounos co bacharelato nocturno no instituto Xelmírez, despois de coñecer á súa muller Sol: «Salvoume a vida. Empecei a asentarme, a estudar». Porque ata entón, o seu interese de sempre por aprender non se traducía en resultados académicos de quen se confesa un pésimo estudante ata aqueles 18 anos: «A escola era moi ríxida, e aínda o sigue sendo, as programacións son un inferno. O sistema debe primar o traballo e a iniciativa».

Quizais por iso empatiza tan ben con alumnos que lle recordan aquelas vivencias. Cara o ano 2009 puxo en marcha o taller de creación artística no seu instituto. Era titor dun grupo de 4º da ESO que non marchaba ben. Con eles puxo en marcha A danza das bruxas, e os resultados e implicación dos rapaces mellorou moito. Foi o primeiro traballo do taller, cun guión propio desenvolto logo coas aportacións de todos, e acadou o primeiro premio de Teatro na Vangarda concedido pola Xunta; virían logo Dormes?, primeiro posto na fase galega dos premios Buero; Dairas, realizado en plastilina coa técnica de stop-motion, premiado no certame estatal Crearte, e tantos outros, con participacións en festivais de cine de Valencia e Ourense. Xunto ao traballo dos alumnos, suliña tamén o labor de compañeiros como Xoán Xosé Pérez.

En paralelo, as súas afeccións persoais. Creou en 1995 o Grupo de Cans de Rescate de Protección Civil da Estrada, que chegaron a participar nas tarefas humanitarias no terremoto de Turquía de 1999. Carbajal estivo alí co seu can Tango, e meses despois, en xaneiro do 2000, participaba en Alemania no campionato do mundo do R. C. I. ?Regulamento Cinolóxico Internacional?, logo de quedar entre os cinco primeiros de España. Incluían probas de rastrexo ?as favoritas do estradense, e nas que acadou sempre mellores resultados?, obediencia e protección. Clasificaríase ao ano seguinte para Finlandia, pero a febre aftosa obrigou á súa suspensión, e no 2002 unha lesión de Tango impediulle acudir á cita mundialista.

Tras unha paréntese, nos últimos anos está na Federación Española de Grupos de Mantrailing. «O mantrailing é a busca de persoas por olor de referencia. Encántame. Nun adestramento podemos recorrer 8 quilómetros. É un deporte moi san, e sen esixencias para o can, a diferencia do RCI no que o tes que correxir». Leva publicados dous libros sobre esta disciplina: Método Carbajal. Mis perros, mis maestros, a punto de esgotar a primeira edición e con vendas a todo o mundo; e un segundo volume avanzado desa metodoloxía propia, con elementos como vehículos de radiocontrol trazadores do rastro.

O estradense tivo un tempo no que se cruzou outra afección. Coma sempre, non foi a medias. Así que do 2005 ao 2009, volcouse nos raids hípicos. Con Bala, unha égoa anglo-árabe, impúxose en varios campionatos galegos, e recorreu boa parte da xeografía española en distintas probas, acadando o campionato de España de promoción na cita de 40 quilómetros en Huesca. Participou no 2009 en Compiègne (Francia) no Mundial para cabalos xóvenes. Eran 160 quilómetros, pero a 30 do final tivo que abandoar nun control veterinario ao detectarse unha lesión a Bala. Dos adestramentos para aquel mundial, deixa outra boa frase para explicar de onde veñen os éxitos: «Traballo, traballo, traballo, e adicación».

Carbajal non sabe cal será o seu próximo reto nunha traxectoria vital cuasi renacentista. Pero ha ser movido, porque entrou na permacultura hai anos e preferiu arrombala para cando o corpo responda menos.