Nao despídese puño en alto de Vilaxoán

A banda, que concluirá o seu camiño o 7 de decembro en Amio, ofreceu un potente concerto de primera hora nas Revenidas


vilagarcía / la voz

Dende que en decembro comezaron a súa xira de despedida, cada concerto de Nao constitúe unha especie de festa. Para moitos non haberá motivo ningún que celebrar na decisión de Jásper, Gus, Amós e Torroncho de darlle fin a unha das mellores bandas que pisaron os nosos escenarios nos últimos catorce anos. Non estou moi seguro de que o país se poida permitir prescindir dun grupo coma este e do seu metal, aberto xa hai tempo a influencias sen complexos. Pero, en fin, cada quen ten as súas razóns. Só faltaría.

Os máis pesimistas, en calquera caso, deberían reparar en que, ao cabo, unha traxectoria coma a de Nao ben merece unha festa en cada recanto do camiño. Aínda quedan algúns por diante antes de que o 7 de decembro todo conclúa no recinto feiral de Amio, en Compostela. Un dos máis significativos se desenvolveu o domingo ao pe do mar de Arousa, en Vilaxoán. Teñen As Revenidas moito que ver co mesmo espírito que anima esta xente que chegou da Estrada. Aire combativo, alternativo no mellor senso dun termo tan baqueteado, poderoso, fraternal e comprometido co pobo e cos pobos, coa súa fala e coas súas derrotas, subliñando sempre a necesidade de se erguer unha vez máis.

Nao sinalou o camiño da fin de Revenidas 2019 cunha actuación servida ás seis da tarde, baixo un sol de xustiza que levou a Jásper a repartir botellas de auga entre o persoal que botaba fronte o escenario principal de Vilaxoán. Caeron varios dos temas que compoñen Adeus E Grazas, o seu derradeiro traballo discográfico a non ser que esta xeira final se recolla dalgún xeito nun lanzamento póstumo. Pero tamén cancións que á súa maneira forman parte xa do imaxinario colectivo . Velaí a adaptación do poema Acción Galega, de Cabanillas. Pero, sobre todo, a versión musicada de A Xustiza Pola Mal, que Patty Castro axudou a facer rebordar nunha vibrante interpretación e fai xustiza, precisamente, a Rosalía, tan mal comprendida e peor difundida como poetisa do laio, o salouco e a saudade. Lede e escoitade, e xa nos contaredes que pensaba aquela muller, pioneira en tantos eidos, de como responder a determinadas aldraxes cando os mecanismos do poder fan oídos xordos a todo o que non sexa a súa submisa reprodución.

Dun en un, Cristopher Nervo, SondaRúa e as Tanxugueiras foron habitando o escenario mentres a banda activaba o seu engado co seu público, esa familia á que sempre se refire Jásper e son quen de anicarse cen veces -algún case caendo de cu-, de brincar ou rular nun circle pit en canto Nao llelo pide. Tremendo final, puño en alto, cos Vampiros de Zeca Afonso, e moitas gañas e moita magoa de Amio. Eles, ao seu xeito, tamén comen tudo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Nao despídese puño en alto de Vilaxoán