A artista estradense expón a súa última serie de acuarelas no Festival Intercéltico
06 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.As mulleres da serie de acuarelas As que fan a festa, da artista estradense Rosa de Cabanas, bailan estes días ao son do folklore do Festival Intercéltico de Lorient. A obra da autora local foi escollida para formar parte da exposición artística que acompaña á cita musical, que reúne no espazo Euro Celtics Arts do Pazo de Congresos da cidade francesa pezas de artistas procedentes das distintas nacións celtas que participan no mítico festival.
A aportación de Rosa de Cabanas é a súa serie de acuarelas As que fan a festa, enmarcadas con mimo pola firma tamén estradense Casal de Creación. A serie, que tamén deu orixe a un almanaque, reúne doce obras nas que a muller volve a ser a protagonista, esta vez reivindicando o seu papel na música tradicional. «É unha homenaxe ás mulleres como gardianas e transmisoras da música tradicional e a cultural popular», conta Rosa de Cabanas desde Lorient, emocionada por ver a boa acollida do seu traballo.
A exposición inclúe ademais unha acuarela da serie Compañeiras e outra da denominada O mundo na cabeza, así como a que deu orixe ao cartel das Festas da Ascensión de Santiago do 2025.
Rosa de Cabanas leva xa ás súas costas cinco series de acuarelas reivindicando o papel da muller en distintos ámbitos. O vindeiro 18 de setembro presentará en Ouzande un fermoso libro editado por Galaxia que compaxina textos e ilustracións das súa serie Mulleres imaxinadas, poñéndolle rostro a insignes personaxes femininos que nunca ata agora o tiveran.