Cando o pan e o millo son arte e escola

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

Os nenos da unitaria de Donramiro fornearon pans co cereal que debullaron e moeron

12 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Panadería Nercellas de Lalín encheuse onte coa algarabía incontible dos 20 nenos de Infantil da escola unitaria EEI de Donramiro que se empregaron a fondo para amasar o pan de millo corvo feito coa fariña que eles mesmos debullaron no seu momento e moeron no muíño de Antonio, en Prado. Ataviados con gorros de cociñeiros os rapaces o pasaron e grande. Entre carreiras pola panadería, Leo comentaba que «eu quero ser panadeiro porque gústame moito o pan». Mentres agardaban a que o moletes sairán do forno, un grupiño comentaba con coñecemento de causa que «antes traballamos e agora xogamos a ser panadeiros».

A profesora Flora Mato explicaba que todo empezou a principios de curso cando «nos vinculamos cunha eira de millo en Oirós. Non chegamos a tempo a plantalo pero o primeiro que fixemos foi ir a recoller as espigas e a partires de aí deseñamos unhas estruturas de secado». Os nenos e nenas da escola participaron de xeito activo en todo o proceso ata o debullado e cando estivo todo listo levaron o millo a moer e con esa fariña se fixeron onte os pans. Na panadería estaban tamén encantados con estes pequenos invitados que viviron a experiencia como un educativo xogo. A actividade, do Centro de Arte Fundación María Jove, está impulsada xunto coa Fundación Cerezales Antonio e Cinia e o artista Nicolás Paris. Ao longo de todo o curso o millo converteuse no eixe transversal arredor do cal se desenrolaron multitude de proxectos. Foi «un terceiro mestre» a través do cal alumnos, familias, docentes, veciños e artistas aprenderon e ensinaron ao mesmo tempo.

Xunto ao artista Diego Vites na escola deseñaron e construíron as estruturas para o secado e ao almacenamento das sementes pasando o debuxo a creación de pezas escultóricas. As veciñas ensinaron os nenos as técnicas tradicionais de enristrado, investigaron o Entroido como ritual de fertilidade da terra, e traballaron tamén coa artista téxtil Julia Huete aproveitando as follas e talos da colleita para facer unha estrutura que de sombra ao patio da escola, que lles facía falta. Pasaron o ferro as follas e as coseron para crear unhas cortinas que se colorarán hoxe. Diego Vites deseñou o selo que se selou onte o pan feito a partires de debuxos na propia fariña inspirados nos petróglifos.

Flora agradecía «infinito á Fundación que nos elixira porque foi un luxo compartir a aula cos artistas e poder brindar ao alumnado todas estas oportunidades porque desde o rural nos costa todo moito máis e foi unha experiencia inesquecible» cun sen fin de actividades.