A compañía Fantoches Baj, finalista nos Premios María Casares

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Opta ao galardón pola obra de Vilariño, «Castelao. Un corazón á intemperie»

17 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A compañía lalinense Fantoches Baj faise un oco nos Premios María Casares, ao ser finalista nesta trixésima edición, coa obra de Inacio Vilario: «Castelao. Un corazón á intemperie», na categoría de espectáculo de títeres. Para o director da compañía non deixa de ser o colofón dun ano de intenso traballo, de dedicación a Castelao. «Sacamos 4 capítulos sobre el en banda deseñada, unha exposición en María Pita; en Viñetas do Atlántico, que foi visitada por máis de 3.000 persoas, publicouse un tomo integral sobre Castelao que financiou a Deputación da Coruña, e esta última peza que é a relación de Castelao con Varela Buxán en Bos Aires, a amizade que os unía, cun Varela Buxán xa en Cercio (Lalín) despois da morte do seu amigo nun ambiente represivo no que se oculta a figura de Castelao, e as pezas máis importantes de Varela Buxán».

A figura de Castelao foi abordado por Inacio Vilariño, director de Fantoches Baj, xa no ano 2010 cun cómic sobre a súa figura, que deu paso a outras moitas pezas e un amplo proceso de investigación sobre un dos pais do nacionalismo galego, cuxo material atesoura no seu centro de Chares de Outeiro. Á espera agora do fallo dos premios, que será o 8 de abril, Inacio prepara un espectáculo sobre Otero Pedrayo; «o ano próximo faise o centenario da peregrinaxe entre Ourense e San Andrés de Teixido que fixo, e dalgunha maneira traza unha liña recta polo país».