Opta a facerse co galardón de actor protagonista e actor secundario
15 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Malia a conxugar a súa faceta de actor en obras de teatro e series televisivas con bastante asiduidade, Fran Lareu non esconde que apostou por unha profesión con escasa estabilidade, pero que lle dá enormes alegrías como o recente nomeamento aos Premios María Casares, que se fallarán o día 8 de abril, como mellor actor protagonista e secundario.
—Dúas nominacións aos María Casares. Que significa ese premio?
—Os que nos dedicamos ao teatro, o María Casares, é o maior premio que hai. Son uns galardóns que fan moita ilusión ao ser os compañeiros e compañeiras os que valoran o teu traballo. Quedamos tres en cada categoría, e resultar finalista xa é un premio. Certo é que faime especial ilusión ser candidato a actor protagonista por un espectáculo que é moi noso, da nosa Compañía A Ramboia, que pensou e dirixiu María Peinado; que é tamén a miña parella, e con Anxo García que é o meu mentor.
—O espectáculo co que opta ao premio de mellor actor protagonista é «Un tal Romeo».
—Si, fala ao redor dese mito de Shakespeare. O que colle é a figura de Romeo para falar dunha historia do fracaso, de dedicarse a esta profesión que é unha loita constante, como dicía antes, e na que recibes moitas negativas para poder chegar a algo.
—E, como actor secundario?
—Aí estou pola obra «Reconversión», de Ibuprofeno Teatro. É un texto que aborda a reconversión naval dos anos 80 en Vigo. É unha obra coral na que participamos oito actores e músicos, e eu protagonizo o papel do pai do autor da peza, que é Santiago Cortegoso. Fago de nexo desa historia con moitos actores ao redor.
—Leva polo menos unha decena de nominacións nos últimos anos, agora é o momento?
—Ogallá (ri). Na categoría de protagonista estou nomeado co propio Santiago Cortegoso e con Evaristo Calvo, dous grandes, e en secundario con César Goldi e Josito Porto, que non sei cantos premios levou xa (ri), e é amigo persoal... Non está fácil! Son cousas curiosas, pero faríame ilusión obtelo xa que montamos a obra sen subvencións e sen axudas, só coa de Anxo García, a creatividade de María (Peinado), o meu esforzo e Germán Gundín que se encarga da parte da iluminación. Foi moita a xente que se uniu a este proxecto sen pedir unha man chea de cartos para elo, cando neste país -e refírome a Galicia- é difícil acceder a subvencións culturais se non tes unha gran compañía. Son axudas pensadas para unha ducia de compañías grandes, e o resto xogamos na mesma liga pero sen as mesmas cartas. Por todo isto, o certo é que me faría moita ilusión levar este premio, e xa aproveito para convidar a todos á representación que teremos o próximo 20 de marzo, ás 21 horas, no Salón Teatro desta peza da Compañía A Ramboia.
—A Fran Lareu adoitamos velo tamén en series televisivas, recentemente en «La Promesa» en la 1 de Televisión Española.
—Estiven na quinta tempada da serie, que por certo, é moi vista en toda España e en Lalín tamén (ri). Encarnei ao Comandante Sebastián Rivero e algún coñecido na vila chamábame «comandante». Foi unha experiencia moi boa. En Galicia fixera dúas series, pero nada fóra, e traballei moi a gusto, catro platós incribles para gravar, e unha audiencia de millón e pico de espectadores cada día...
—Á espera do que suceda nos Premios María Casares segue co espectáculo propio, está tamén en dúas compañías de teatro, e en proxecto?
—Pois está unha película moi chula, cuxa rodaxe comezará pronto en Galicia, e da que nada podo contar (ri), e coa Compañía A Ramboia temos un proxecto de teatro infantil que xira ao redor do Cine Lalín, que é unha infraestrutura moi interesante que temos na vila e que nos conecta coa nosa infancia e mocidade.