Proxecta realizar actividades conxuntas coas moitas agrupacións que ten o municipio
21 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Coro Vales Mahía ten desde fai escasos días a Cris Quinteiro Suárez na presidencia, mantendo a xeira de mulleres á fronte do mesmo, a excepción de Enrique Cuíña que foi ata a data o único presidente varón.
—Case todas mulleres presidentas, é curioso cando menos.
—Bueno somos moitas mulleres no coro (ri). En realidade somos unha familia na que hai matrimonios, tíos e sobriños... todos os integrantes teñen algún familiar no coro, menos eu (ri). Contamos con moita xente de Lamela, pero tamén das parroquias de Chapa, Piñeiro... En canto ás idades tamén son dispares. Luis Espiño é o noso coralista máis maior, con 92 anos, e eu son a máis pequena. Teño 35 anos (ri). Somos unha gran familia que comparte tempo de calidade, e goza coa música que é o noso nexo. Gustamos de convivir, da xuntanza e de compartir. Somos un grupo con xente oposta, con inquietudes diferentes, pero todas xuntas pasámolo moi ben e aí está o espírito do coro.
—Cando aterra Cris Quinteiro en Vales Mahía?
—Pois mira, entrei no ano 2018 despois de que falecera meu pai no 2014. Son filla de músico e crieime no medio da música. El foi fundador da Banda da Bandeira, estivo na coral de Ponte Caldelas onde vivimos por cuestións do seu traballo e por ser tamén miña nai de alí, pero a miña vida social sempre estivo na Bandeira. Profesionalmente non estudei nada de música xa que son filóloga, pero traballo no 112 como operadora de emerxencias cunha silledense tamén da Bandeira Blanca Maceira Balboa, Xefa de Xestión Operativa do CIAE 112 Galicia, que foi tamén presidenta do Coro Vales Mahía. Somos pois un coro mixto, pero case sempre liderado por mulleres (ri).
—Cales son os retos que se prantexa para esta nova etapa?
—Sempre que se produce un cambio nunha directiva é certo que chegan novas ideas, e neste caso penso levar a cabo os trámites necesarios coas distintas asociacións que operan no pobo, que son moitas, para poder encaixar actividades conxuntas. A intención é poder facer algunha xa para o verán, e aproveitar para levala a cabo ao aire libre que sempre resulta máis atractivo.
—Bandeira non alcanza o censo de mil veciños, pero contabilizan moitos colectivos e iniciativas culturais. Onde está o segredo para conseguir tanta participación?
—Somos uns 850 veciños, pero somos moi festeiros e traballadores. Se hai algo que nos caracteriza penso que é a unión que existe. Unha xornada entre semana posiblemente non vexas moita xente pola rúa, pero no momento en que entras pola porta do auditorio a cousa cambia. Todas as salas están completas, en todos os sitios hai actividade. E outra cousa que atopas aquí é que entras nun local e sempre eres ben recibido, e se alguén pon en marcha unha asociación nova sabe que todo o mundo vai colaborar e axudar no posible para que non só bote a andar senón que se manteña no tempo e teña éxito. Iso non pasa en todas as vilas!
—Aproveitarán para programar actuacións fóra de Galicia?
—A actividade coral tamén está pensada como unha actividade de intercambio con outras formacións, e saír da casa. É unha maneira extraordinaria para socializar, coñecer outros sitios e nós xa visitamos Asturias e estamos facendo trámites para intentar viaxar ao Lar Galego de Sevilla, pero tamén seguiremos coa programación dos concertos que levamos a cabo todos os anos, e abertos a novas posibilidades que xurdan. Coñecer xente de idades diferentes, de pobos e cidades distintos sempre é para nós un aliciente e no inverno máis, que é moi longo (ri).
«Nas emerxencias hai que ter a capacidade de pechar a porta ata o día seguinte»
Cris Quinteiro fala con igual paixón do Coro Vales Mahía como do seu traballo no 112 onde, desde fai dous anos, é operadora de emerxencias. Un posto laboral que, para esta silledense, é bonito e gratificante aínda que non agocha a vertixe dos primeiros momentos; «aínda así é un mundo que engancha pero hai que ter tamén a capacidade de pechar a porta a todos os asuntos da xornada ata o día seguinte», reflexiona. Situacións duras e moi complicadas que hai que afrontar con enteireza. «Na túa man está poder axudar alguén que se atopa nun momento moi crítico, e que lle tes que transmitir acougo. Non é doado pero estamos formados para dar ese tipo de resposta, e tamén sabemos que o que pasa en sala queda aí». Para conseguir respostas axeitadas non queda outra, apunta, que horas de aprendizaxe e control.
Pero que é o máis importante nunha situación extrema cando unha operadora recibe unha chamada? A localización da persoa, responde Cris. «Se a temos localizada podemos mandar aos medios precisos para atender a emerxencia. O máis importante é facer a localización».
A operadora silledense de emerxencias do 112 espera que este verán sexa máis tranquilo que o agosto pasado, pola vaga de incendios que puxo en alerta boa parte do país. «Foi un verán moi complicado. Os incendios forestais non son algo natural e custa asimilalos ao igual que os casos de violencia de xénero. Son emerxencias difíciles de soportar, pero quedo con que a maioría das veces as chamadas rematan sendo satisfactorias, e moitas amáñanse en poucos minutos coma cando son persoas maiores que teñen algún problemiña moi puntual e logras solucionarllo rápido. Sempre é moi satisfactorio poder axudarlles». E Cris quere seguir no 112.