Cuíña: «Acordar co PP o orzamento é un exercicio de responsabilidade, e é lóxico tralo pacto da axenda urbana»
DEZA
As boas relacións persoais que mantén o coordinador de Compromiso por Lalín (CxL) Rafael Cuíña co alcalde José Crespo impulsou o acordo acadado entre goberno e o principal partido da oposición no pacto do orzamento para o ano 2026, segundo afirmou Cuíña onte en Radio Voz. Un acordo histórico que se materializa por vez primeira, sendo para Cuíña, «un exercicio de responsabilidade. Hai un punto de inflexión para que sexa lóxico e coherente este apoio que é o pacto da axenda urbana, que espero que o concello explique aos veciños, xa que é o esqueleto de Lalín para os próximos 25 anos». Compromiso realizaría seguramente un presuposto diferente, avanzou Cuíña, con maior impulso ás políticas sociais e reducindo os niveis de endebedamento «aínda que sexan con créditos ponte, pero en xeral creo que é un orzamento favorable». Incrementar as axudas ao deporte base e a construción de depósitos de auga en puntos estratéxicos para uso da veciñanza en caso de escaseza de auga ou incendios forestais foron dúas das aportacións feitas dende Compromiso, «pediamos máis cousas pero orzamentariamente era complicado incluílas».
Ante a sorpresa que supuxo para algúns este acordo, Cuíña pediu máis cultura democrática ao tratarse de melloras para a veciñanza. «Estou na rampa da saída da política municipal, aínda que non descarto nada, pero ante esta oportunidade de facer achegas aos veciños, non lles vou dar as costas», sentenciou.
Preocupación pola situación de inseguridade
Para o xefe da oposición este exercicio 2025, que está a piques de rematar, foi de continuidade e de fluidez co goberno aínda que lle gustaría que as axudas ao deporte base se fixesen antes e que «houbese máis dilixencia en Servizos Sociais. Non polos técnicos, pola burocracia». Todo iso nun contexto de preocupación, comentou Cuíña, «que percibo na veciñanza polas situacións de inseguridade. Hai certa alarma nese sentido, e espero que os novos axentes veñan para cubrir certas limitacións que hai na actualidade no eido da seguridade».