O estradense Carlos Loureiro Rodríguez (Callobre, A Estrada, 1957) presentou este mércores na sala Mome o libro Asociacionismo galego en América. A sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba. A obra é o resultado dun inmenso traballo de documentación para debullar a historia da sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba —fundada no ano 1915 e que continúa dando pulo ao sentimento galego ao outro lado do Atlántico— para devolverlle aos emigrantes unha pequena parte do que eles deron.
Carlos Loureiro foi profesor de Lingua Galega, biógrafo de Manuel García Barros, editor de obras narrativas deste autor, de Varela Buxán e de Antón Losada Diéguez e autor do Diccionario de escritores de Tabeirós-Terra de Montes. Tamén é Socio de Honor da sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba e do Centro Unión Orensana da Habana. O seu novo libro, editado por Galaxia, estará en todas as librarías en xaneiro.