David Otero: «Xa non ando a correr; a poesía, se non es ti, non vale de nada»

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor estradense David Otero Fernández (Santiago, 1946) acaba de sacar á luz a súa obra máis esixente e meditada. O título, Conecta co íntimo, é unha declaración de intencións en toda regra. Publicado por Laiovento, é o segundo poemario como tal na obra dun escritor que suma xa 24 títulos e que, nos últimos anos, se convenceu de que escribir poesía é unha cousa moi seria. «Houbo unha época na que cada cousa que escribías che parecía unha obra mestra, pero cos anos vólveste máis esixente. É escribir, ler, reler, reescribir, volver a ler, tirar con todo...», conta sobre o proceso. Nesas andivo os últimos catro anos ata que conseguiu pechar Conecta co íntimo, un libro que reúne 54 poemas «de búsqueda e de relación». «Despois duns anos de reflexión, empezar a ter sentido. Non correr. A poesía, se non es ti, non vale de nada», di o autor.

Presentación o día 24

A obra —que inclúe un poema dedicado a Palestina e outro ao poeta vasco Joseba Sarrionandia— convida á reflexión e á conexión coas emocións máis profundas. «Volver a un mesmo para empezar a andar. Mirarte. Empezar a andar na busca. Tratar de superarte. Felicidade, sosego, alegría, preguntas», todo iso é Conecta co íntimo, que será presentado o vindeiro venres, día 24 de outubro, ás 20.00 horas na sala Mome da Estrada, nun acto organizado pola Asociación Cultural Vagalumes.

Na presentación participarán, á parte do propio autor e da presidenta da asociación Vagalumes, Clara Iglesias, tres ex alumnos de David Otero que compartiron con el recitais e outras iniciativas culturais na súa época de estudantes: Marcos Borraxeiros (historiador e membro da asociación cultural Vagalumes), Mencía Vidal (graduada en Dereito) e Anabel Montoto (ilustradora e deseñadora gráfica).

David Otero Fernández, poeta cun profundo compromiso coa lingua e coa cultura de Galicia, ábrese no seu poemario máis maduro. «Ao pé dos 80 anos, estou no pé de ter uso de razón. Non é o sentidiño de Rueda, pero é o sentido común», conta cheo de retranca.