«O campamento é todo galego, con profesionais de alto nivel»

Amelia Ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Máis dun cento de rapaces participarán do 1 ao 4 de xullo no campamento musical da Banda de Vilatuxe

24 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O auditorio e as instalacións do colexio de Vilatuxe volverán a encherse de música e de rapaces a pesar de que rematou o curso, pero non o Campamento Musical que organiza a Banda de Música de Vilatuxe previsto do 1 ao 4 de xullo.

—Máis dun cento de matriculados un ano máis e xa van nove. Onte radica o éxito?

—Penso que se debe á ilusión e ao coidado que se pon á hora de programalo. É, cando menos curioso, que nunha aldea se poidan facer cousas como esta que aquí ao mellor non se aprecia tanto como dende fóra.

—Todas as especialidades están contempladas.

—Si. Impartiranse as de vento madeira, vento metal e por segundo ano consecutivo haberá música e movemento, que é un pouquiño para os máis pequenos, que se puxo en marcha o ano pasado e que funcionou moi ben. Está pensado para os rapaces de entre 4 e 8 anos que teñen por diante 4 horas de clases instrumentais, e poden resultarlles longas, polo que se dividen as mañás con interacción, xogos con ritmos... todo o que leve a que sexa máis ameno para eles pero que aprendan á vez. Impartiranse pois ensinanzas de frauta, óboe, clarinete, fagot, saxofón, trompa, trompeta, trombón, bombardino, tuba...

—Con que plantel de profesorado contarán para a ocasión?

—O cartel do campamento é todo galego, con profesionais de altísimo nivel. Veñen músicos de gran calado cos que comecei a contactar nos meses de xaneiro e febreiro para poder pechar o programa. O que busco é que os alumnos da escola coñezan o maior número posible de profesores das súas especialidades, e xa vai alá unha quincena. Procuramos que en cada edición veñan caras novas ao campamento, e non é que non funcionen ben, senón para que os alumnos teñan oportunidade de estar con profesorado diferente cada ano.

—Reparten as actividades entre dous emprazamentos da parroquia.

—Temos que facelo polo volume de asistentes. Precisamos dunhas 15 aulas para impartir as ensinanzas, e non somos capaces de meter todos os alumnos no auditorio polo que usaremos tamén as instalacións do colexio para as clases, e tamén para comer.

—Que horario terá o campamento nesta edición?

—Temos por diante unha edición completa, como vimos facendo nos últimos anos. O campamento comeza ás 9 da mañá e non remata ata as 22 horas. Os chavales mesmo compartirán xantar e merenda no comedor do colexio, e os máis pequenos; os que están matriculados na especialidade de Música e Movemento terán algunhas horas menos de clase. Fixamos para eles un horario de 12 da mañá a oito da tarde, que pensamos que é o tempo axeitado para eles.

—Haberá mesmo servizo de transporte para os alumnos que o necesiten.

—Si. Sairá un autobús da estación de Lalín ás 8.20 da mañá, e traerá aos rapaces de volta ás 22.15 horas. O billete custará 1,55 euro, coa Tarxeta Moedeiro haberá que pagar 1,35 euro e será de balde para os que teñan a Tarxeta Xente Nova.