Cuíña cre que os intereses e as estratexias políticas impiden o debate sobre o estado do concello
DEZA
«Non haberá debate sobre o estado do concello ao meu pesar, e creo que tamén ao de Crespo Iglesias», afirmou onte con rotundidade o coordinador de Compromiso por Lalín Rafael Cuíña, preguntado en Radio Voz pola posibilidade da súa celebración que xa fora prácticamente descartada a pasada semana polo rexidor local, e que levara a pleno Compromiso a través dunha moción aprobada por unanimidade.
Para o político lalinense «os intereses e as estratexias políticas son as que o impiden. Penso que é bo facelo dentro dun exercicio de transparencia democrática, e nós sempre dixemos que calquera modelo de debate nos servía, e permitiríalle aos veciños saber o que se fai, o que resta por facer e a visión de cada un sobre o futuro de Lalín. Creo que nun 80 % penso parecido a Crespo, pero nun 20 % disentimos. Cordialmente, pero disentimos».
O xefe da oposición lalinense encomiou por outra parte a posibilidade de ampliar a mancomunidade, e a posta en marcha de aparcamentos disuasorios por parte do goberno local puntualizando que xa foran asuntos postos sobre a mesa pola súa formación política. «É cansino que fagas propostas lóxicas, e que por cuestións políticas, se armen guerras para derribar ese tipo de cuestións», insistiu referíndose aos anos que leva apostando por unha mancomunidade con participación de todos os concellos da comarca; «e se poden estar os de A Estrada e Forcarei sería un paso importante». O mesmo sucede cos aparcamentos disuasorios, dixo, «é urxente o acceso á planta intermedia do párking, que parece que non hai cartos pero hainos para orquestras, e facer un Lalín máis das persoas e menos dos coches».