«Somos a solución para quen non pode pagar 20 euros por un libro»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Adrián Freiría

O establecemento, que abriu onte ao público, almacena máis de 12.000 volumes

10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os incondicionais da lectura en papel e de buscar con paciencia infinita algún título en particular, ou o seu autor de referencia, poden atopar en Arcanum o seu espazo de gozo. Lalín conta dende onte cunha tenda de libros usados, que baixo a dirección de Elvira Nogueira, busca satisfacer a ese público en particular pero tamén a todos aqueles que teñan interese pola lectura, comenta a propietaria.

—Esta é a súa segunda tenda de libros usados que apertura.

—Si. A anterior estaba no Carballiño. É unha tenda un pouco nómada, xa que ao estar moito tempo nun sitio precísase cambiar. Débese fundamentalmente a que non só vendemos libros senón que tamén os mercamos, e quenes nos surten desas publicacións son os propios veciños. Eles son os que van mellorando a tenda e os libros que temos nela.

—A que se debe a súa aposta por emprazar agora a tenda na capital da comarca?

—Primeiro por unha cuestión poboacional. A vila do Carballiño conta cuns 14.000 habitantes, e en Lalín o censo supera os 20.000, o que significa as poboacións do Carballiño e Ribadavia xuntas. Por aquí pasa o Camiño de Santiago, e a experiencia nos di que os peregrinos tamén son persoas que adoitan mercar libros aí por onde pasan, e logo tamén polo feito de que o comercio lalinense sempre foi recoñecido e coñecido pola súa boa calidade. Eu son natural do Irixo e vir a Lalín a mercar sempre foi algo natural, pero tamén para moitos veciños de O Carballiño que aínda xornadas atrás me comentaban os establecementos aos que adoitaban vir mercar roupa e calzado, e nós chegamos coa intención da darlle algo máis de vidilla ao pobo (ri).

—Coñecemos xa as súas pretensións, pero que a levou a poñer en marcha unha tenda de libros usados?

—Pois polo feito de que hai moita xente que non se pode permitir gastar 20 euros nun libro, e nós somos a solución para ese sector da poboación á que lle gusta ler. En todos os sitios atopamos xente moi lectura, que devora libros, pero que o seu prezo pode ser unha barreira importante. En Arcanum un libro custa 3,75 euros e se facemos un pack de publicacións aínda sae máis barato entón a xente pode permitirse mercar tres ou catro libros.

—Con cantos volumes arranca o proxecto en Lalín?

—Na tenda comezamos con máis de 12.000 volumes, pero como dicía isto vai variando todos os días en función do que se vai vendendo e do que vai entrando en tenda.

—Que podemos atopar entre tantas obras?

—Realmente un pouco de todo (ri). Se temos en conta que as preferencias dos lectores son moi amplas, na tenda intentamos abarcar todo aquilo que pode ser do interese do cliente. En Arcanum temos novela, narrativa, clásicos, cociña, romántica, histórica,... Podedes encontrar libros infantís, xuvenís, contos,... Obra en galego e en castelán, e tamén algunha publicación de temas específicos, de autoaxuda,... Libros que teñen anos, que posiblemente queremos reler, ou que prestamos e non nolo devolveron e imos atopar aquí, títulos de plena actualidade e outros que teñen algúns anos pero que non tivemos ocasión de lelos. O abanico de posibilidades é moi amplo.

—Pola súa experiencia no sector do libro, cal é o xénero máis demandado?

—Depende da zona. Nós tamén estivemos no Porriño cunha tenda de libros e posteriormente no Carballiño, onde se vendía moita novela histórica e romántica. Cada persoa ten a súa preferencia polo que é moi difícil falar do que é máis demandado. Digamos que todos os xéneros teñen unha alta demanda.

«Mercamos obras da veciñanza, que son as que van abastecendo as nosas estanterías»

A vida profesional de Elvira Nogueira, que leva anos virando ao redor dos libros, ábrese agora con este novo proxecto en Lalín que comeza con grandes doses de ilusión nunha tenda «á que lle puxen moito cariño, e que convido a todos a que a veñades a coñecer», subliña. Aproveitando precisamente as primeiras horas da súa entrada en funcionamento, Elvira céntrase en «acompañar aos clientes, ensinarlles as instalacións e comentarlles o seu funcionamento xa que non só vendemos senón que tamén mercamos».

E niso anda a propietaria de Arcanum: dándolle conta de que compran exemplares ao peso, mentres cruza os pasillos dun local que cheira a historias. «Mercamos obras á veciñanza, que son as que van abastecendo as nosas estanterías. Son esas aportacións as que nos permiten ir renovando títulos todos os días, como dicía antes. Por iso comentaba con anterioridade que somos unha tenda algo nómada, ao levar no sitio un tempo o que tiñas que mercarlle aos veciños xa o fixeches, e hai que ubicarse noutra localidade na procura de novidades editoriais». Unha compra de libros por parte de Arcanum que xa suscitou máis dunha pregunta por parte dalgunhas veciñas interesadas en vender exemplares amoreados nas súas casas.

Convida pois Elvira a levar á tenda aquelas obras que queiran vender, «aínda que son consciente de que hai libros que non se venden polo seu valor sentimental», pero tamén a ollar con tranquilidade os volumes colocados nas estanterías do establecemento; «e se non atopas o título que buscas hoxe, seguramente o poderás encontrar nun par de días ou nunhas semanas por esa entrada diaria de obras que mencionei, e mentres haberá outras publicacións de interese, seguramente comprar», comenta.