Cristina González Barreira acaba de presentar a súa tese na USC
24 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cristina González Barreira (A Estrada, 1998) acaba de obter o seu doutoramento en Química na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foron, conta, «tres anos e uns meses de investigación». O título da tese foi Materiais moleculares de lantanoides como imáns e termómetros luminescentes. Ademais de Química, Cristina é dende fai uns anos saxofonista da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira e soprano na Coral Polifónica da Estrada.
Dende pequena, comenta, as súas principais inquietudes estaban no eido da música e da ciencia. Toca o saxofón dende os oito anos e explica que «tirábame o ensino e víame dando clases de Música ou de Matemáticas como profesora, pero agora gústame o laboratorio, aínda que nunca se poden pechar portas». As Matemáticas era a materia que máis lle gustaba cando empezou o BAC «pero cando fixen a selectividade tocoume decidir e acabei facendo Química e moi contenta. Creo que foi unha moi boa decisión». A medida que foi avanzando no Bacharelato «funlle collendo ese camiño á Química e acabei aquí», engade.
En canto a súa teses explica que «o obxectivo do meu traballo era sintetizar unha serie de compostos duns metais determinados que se chaman os lantanoides, que cando nos centramos na táboa dos elementos hai dúas filas abaixo que están separadas da propia táboa. Na fila de arriba están os lantanoides, e eu sinteticei compostos deses con aplicacións para magnetismo molecular, para memorias magnéticas, para bases de datos e que ademais podan controlar a súa temperatura e pos iso estudei a termometría luminiscente». Son parte dos elementos denominados terras raras.
O confinamento do inicio da pandemia lle pillou rematando a carreira polo que «foi máis complicado, había que seguir as clases on line e ao acabar non tivemos graduación». Recoñece que «costa pechar etapas e cando rematas a carreira queres facelo cos teu compañeiros, coa xente que levas tantos anos». Así que aproveitou a lectura da tese o mércores para xuntar a toda a súa xente de moitos ámbitos distintos: familia e amigos e demais e viviu «un día moi especial», no que xuntou a toda a súa xente e que compartiu con ela o acto de presentación da tese.
Ao rematar Químicas, apunta, «fixen o máster de investigación química e química industrial tamén na Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente xa empecei o doutoramento no mesmo equipo de investigación no que xa fixera o traballo de fin de grao e o traballo fin de máster, que é o grupo de investigación Suprametal».
Opcións de futuro
Rematar o doutoramento supón «un alivio grande» e agora mesmo, conta, «estou pensando en opcións que podan ser viables e factibles nun futuro próximo». Está valorando, apunta Cristina González, en irse a unha empresa e empezando a explorar posibles opcións de traballo. Asegura que «non estou pechada a nada, pero no caso de irme a unha empresa, gustaríame que fose unha empresa que tivera departamento de I+D para poder seguir un pouco na investigación».
Na Banda Recreativa e Cultural da Bandeira empezou no 2020 «xusto fun a un ensaio antes de que nos mandaran para a casa e xa me quedei». Á formación do municipio trasdezán chegou a través duns músicos da banda que lle preguntaron si lle apetecía tocar con eles e «animeime». No Conservatorio da Estrada cursou os seus estudos de música dende moi cativa e tamén canta na Coral Polifónica Estradense como soprano combinando esa afección a música coa científica. Conta que, xa dende pequena, «fun máis de cousas prácticas, máis de facer números que de memorizar». Pasar do BAC á Universidade, di, «foi un cambio bastante grande, pero dentro do que cabe, foi bastante levadío». Agora lle queda un brillante futuro por diante.