A radiografía en materia nutricional na zona non é boa, aínda con presenza de hortas, destaca a nutricionista de Carbia, Uxía González Calviño
07 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cruceña, da parroquia de Carbia, Uxía González Calviño xogaba a ser farmacéutica, dependenta de tenda de roupa e mesmo mestra. Logo chegoulle o interese polas ciencias; especialmente a química e a bioloxía, pero a realidade é que ao rematar o bacharelato non tiña aínda claro por onde ía ir a súa aposta profesional. Finalmente, conta que, «cando tiven que elixir vin que había o Grao de Nutrición, e empecei a ver as materias que tiña, encaixaban ben co que me gustaba, e anoteime». Lembra que unha vez na carreira, ao pasar o primeiro ano e parte do segundo curso, soubo que a elección era a correcta. Na actualidade compaxina o seu traballo como nutricionista no Sergas coa atención a pacientes na súa propia consulta.
—Dende cando exerce como nutricionista no Sergas?
—No ano 2022 produciuse a entrada dos nutricionistas en atención primaria, e fun unha das seleccionadas. Aí foi cando apostei por actualizarme e fixen o Máster en Nutrición e Endocrinoloxía. Certo que foi apaixonante. Actualmente sigo traballando no Sergas, na área do Deza, e teño unha consulta propia. Para o vindeiro mes teño pensado comezar o curso de experto en patoloxías dixestivas, xa que considero que a formación é actualizarse é clave.
—Cal é a radiografía comarcal en materia nutricional?
—En xeral, non é moi boa. A pesar de ser unha zona de predominio rural, na que moita xente ten horta na casa, atópome con que o consumo de vexetais é escaso ou nulo no día a día. Por outra parte o consumo de carne vermella é moi elevado e os índices de diabete tipo 2 e as dislipemias, que son alteracións nos niveis de lípidos en sangue fundamentalmente colesterol e triglicéridos, son moi altos. Considero que a maior parte da poboación non é consciente do risco que todo iso conleva. É importante saber que a combinación de niveis elevados de colesterol con outros factores de risco como, por exemplo, o tabaquismo aumenta o risco cardiovascular. É dicir que a posibibilidade de sufrir un infarto é maior. Son cuestións sobre as que hai que incidir, e que a poboación debe saber.
—Preocupa a nutrición en termos xerais, ou acudimos aos especialistas só por indicación do noso médico de cabeceira?
—Atreveríame a dicir que, pouco a pouco, o interese por un estilo de vida saudable é maior. De todos os xeitos a maior parte dos pacientes que chegan á consulta é por recomendación do seu médico de atención primaria, enfermeiro ou algún especialista. Non son moitos os pacientes que veñen por si sós a unha consulta de nutrición, normalmente detrás está a recomendación doutro profesional.
—Considera preciso facerse un recoñecemento con certa periodicidade, ao igual que nos sometemos por exemplo a analíticas ou controis médicos?
—Non estaría demais incrementar a educación en estilos de vida sobre todo porque dado o intrusismo que hai na nosa profesión. Ás veces os conceptos que se teñen de hábitos saudables non son, dende logo, os adecuados. Por iso, todo o que sexa relacionado coa alimentación recomendo que o asesoramento sexa sempre cun nutricionista. Un profesional da nutrición é o que debe aportar as pautas a seguir no aspecto nutricional.
—Coñécese a figura do nutricionista a nivel do sistema galego de saúde?
—Penso que agora mesmo temos un papel que fai uns anos era totalmente impensable. Traballamos sobre a educación, na mellora de hábitos e se é posible incidir sobre determinadas patoloxías xunto co traballo en equipo dos profesionais de atención primaria.
«As inxestas dos rapaces teñen que ser equilibradas, variadas e adecuadas»
Os datos sobre a prevalencia cada vez maior da obesidade infantil preocupan, e moito, aos profesionais da nutrición que non esconden, como comenta Uxía González, que traballan para intentar atallar un problema que é grave, e que semella difícil de atallar. «As cifras son cada vez máis elevadas e iso preocupa xa que son as próximas xeracións e presentan unha situación complicada», analiza Uxía González.
Entre as principais causas da obesidade infantil está unha mestura de varios factores, entre eles o estrés do día a día, «que fai que vaiamos sempre a contra reloxo ou a comodidade fan que non dediquemos tempo á alimentación, e aumenten as cifras de obesidade infantil no país». A solución para reverter a situación, expresa a nutricionista cruceña, pasaría por empezar dende o colexio a promover un estilo de vida saudable, resaltar a importancia da alimentación así como da actividade física entre outras cuestións, e educar aos pais e a poboación en xeral sobre este tema tan importante. De feito, o colexio Cerdeiriñas de Piloño puxo nas mans desta profesional a elaboración dos menús dos alumnos; «penso que as comidas dos rapaces teñen que pasar o filtro dun especialista en nutrición para que as inxestas sexan equilibradas, variadas e adecuadas».
Pautas alimentarias que son unha carreira de fondo, afirma Uxía González, con traballo por facer «pero creo que podemos ir mellorando un chisco máis, e agora que a nosa figura está máis presente, considero que podemos concienciar e animar a toda a poboación a mellorar pouco a pouco os seus hábitos».
Un desexo desta profesional de Vila de Cruces que nos anima a perseverar en comer mellor, recoñecendo que aínda as metas non están conseguidas, pero destilando positividade.