Os hoteis da zona non perden a esperanza de repuntar este mes

Andrea otero / r. r. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

Xullo foi, en xeral, bastante baixo en ingresos para os establecementos

08 ago 2021 . Actualizado a las 16:32 h.

A comarca do Deza, situada en pleno centro de Galicia, sempre foi unha zona de gran afluencia turística, algo que ata o covid era unha gran fonte de ingresos para os hostaleiros e hoteis da zona. O mes de xullo non foi demasiado salientable para a maioría negocios. O mes de agosto, recen comezado, sempre foi o mes do turismo por excelencia, pero o covid segue aí e para os establecementos é unha gran problemática.

As palabras máis pronunciadas polos hoteis da zona ao preguntarlles se hai turistas son «algo hai». Unhas palabras que non acaban de convencer polo ton de desánimo que predomina neste tipo de establecementos. No hotel Ramos de Silleda observan que «la gente tiene miedo por el covid y las restricciones, por lo que viene muy tímida o directamente no viene». No hotel El Palacio de Lalín afirman que un dos seus ingresos actuais son os clientes de confianza que captaron a longo prazo e que «repiten dun ano a outro», pero que polo xeral hai pouco turista novo.

O Camiño de Santiago tamén é un incentivo para a economía da zona. Pola comarca do Deza pasan o Camiño de Inverno, que ten o seu punto inicial no Bierzo, e a Vía da Prata, que pasa por Silleda e A Bandeira. Polo tanto, é frecuente ver peregrinos pola zona. Para o hotel Villanueva de Lalín son a clientela que máis abunda e afirman que «esta situación é pola covid, porque da cantidade de turistas que tiñamos outros anos non hai nin rastro» e que «teremos o 5% dos turistas que chegamos a ter». 

O Deza é unha das zonas con máis prazas hoteleiras pola súa posición central e proximidade coa maioría de cidades e pobos de Galicia, polo que moitas persoas escollen a comarca para establecerse durante as súas vacacións. No hotel Villanueva contan que os turistas visitan a zona «durante un día ou dous, pero despois van a outros puntos de Galicia». No Vía Argentum de Silleda observan que a xente tira máis cara a costa, Compostela, Ourense ou a Ribeira Sacra xa que son zonas que quedan relativamente preto pola posición central de Silleda.

Outro dos motivos polos que a xente se hospeda na zona do Deza son as actividades ou eventos. No hotel El Palacio de Lalín teñen máis xente cando «hai eventos ou campeonatos na zona». A Xunta escolleu a Semana Verde de Silleda como ubicación para as oposicións, polo que cando se realizan estas probas os hoteis e hostais da zona nótano nos seus petos.

Tamén hai algúns hoteis con sorte que acollen turistas. No Hotel Torre do Deza, do Lalín 2000, afirman que «estamos trabajando muy bien» e que notan que a xente «tiene ganas de viajar, de salir y de consumir», xa que o covid e os estragos económicos que trouxo a pandemia levan impedindo este tipo de ocio durante máis dun ano. No Norat Spa Torre do Deza están recibindo maiormente xente de Galicia, pero tamén hai turistas doutras zonas de España. Principalmente son grupos de amigos, familias e parellas, que en ocasións veñen acompañados de mascotas. No Vía Argentum de Silleda tamén notan que este ano «va mejor que el año pasado, pero no tan bien como hace dos».

Para este mes de agosto, a maioría de hospedaxes da zona agardan mellores resultados xa que é o mes do turismo por excelencia. No hotel Villanueva comentan que «o mes de agosto agardamos que sexa mellor porque hai moito peregrino».

O hotel Ramos e El Palacio coinciden en que o mes de agosto é mellor porque «a xente vén de visita á familia e quedan hospedados».