Recompilan nun volume todo o teatro de Olimpio Arca

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

O libro recolle 11 pezas, algunha inédita, e preséntase este venres en Cuntis

09 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Edicións Fervenza acaba de sacar á luz un novo libro que reúne toda a produción de teatro escolar do escritor, mestre e investigador estradense Olimpio Arca Caldas. O volume leva por título Teatro de Don Olimpio e recolle un total de 11 obras teatrais, varias delas inéditas, que se erguen como auténtica referencia do teatro escolar. Creativas, educativas e integradoras, son de obrigada referencia para quen crea na verdadeira valía do teatro escolar como proposta educativa.

Os Reis do Panchiño, E o equilibrio impúxose (Mimo), Pelexa no souto, Hoxe naceu un neno, Soprar a tempo, O enfermo 4M, Conversas coa nobre dama, O indiano, Mágoas de campesiños e señoritos, Parasitos na escola e O aparecido das campaíñas son o conxunto de obras recollidas en Teatro de Don Olimpio.

As pezas teatrais están ilustradas con obras de artistas plásticos. Algúns deles son de renome, como Xoán Cerviño, Ana Margarita Pérez Rodríguez, Manuel Fragoso, Paco Lareo, Inés Sánchez, Mario Touceda, Héitor Picallo ou Ramiro Cimadevila. Outros son moito menos coñecidos: son pinturas realizadas polos alumnos do CEIP Xesús Golmar de Lalín e do CEIP do Foxo que representan a vocación de mestre do escritor.

O Balneario de Cuntis acollerá este venres, ás 20.30 horas, a presentación do volume, publicado por Fervenza nunha edición con tapas duras. O acto contará coa presenza de Susi Arca, mestra e filla de Olimpio Arca Caldas; Mario Touceda, bibliotecario do Concello de Cuntis; o xerente da promotora e construtora Bamarti, Fernando Martínez; e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos. Ademais, contarase cunha actuación musical a cargo de Manoele de Felisa. A entrada será libre ata completar o aforo.