Un feixe de actos para lembrar a Xela Arias

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

A música, o teatro, a poesía e a literatura forman parte das actividades conmemorativas

15 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe ábrese unha ponte ateigada de actos para conmemorar o Día das Letras Galegas con citas na maioría dos concellos e vilas das dúas bisbarras. Hoxe en Silleda, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura de Silleda entrégase o premio de novela curta Modesto R. Figueiredo. O acto contará cun recital poético e musical a cargo de Carmen Castro Dapena e Sara Villar Airas e un grupo de vento da Escola Municipal de Música e da Banda de Silleda. Tamén en Silleda, a concellería de Normalización Lingüística repartirá a vindeira semana entre a mocidade bolsas de tela ilustradas coa imaxe de Xela Arias. Poderán retirarse de xeito gratuíto ata esgotar existencias dende o 18 ao 21 no Centro Social de Silleda presentando o DNI. Están dirixidas aos veciños con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos.

En Lalín, mañá domingo, ás 22.00 horas a Banda de Lalín ofrece no Lalín Arena o concerto Pangea na compaña de Abraham Cupeiro como solista. Ás 19.00 horas dese mesmo día e organizado por Azos Feministas, terá lugar no Casino de Lalín, a presentación do libro Xela Arias. Palabra á intemperie, de Emma Pedreira e Laura Romero. O luns, 17, ás 13.00 horas no Arena a Banda de Vilatuxe ofrece un concerto das Letras e ás 18.30 horas, no Salón Teatro, terá lugar o Serán das Letras. En Agolada, o luns , de 12.30 a 14.30 horas haberá un pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Bico da Balouta.

Por outra banda, algúns dos actos programados tiveron que ser adiados polo mal tempo. É o caso dos concertos da Banda Artística de Merza que tiña previsto atoparse de novo co público e poder volver a subir ao escenario aos 70 músicos que conforman a formación. Estaba previsto que tocasen hoxe na Praza de Cruces e mañá en Merza, pero as citas terán que agardar a unha mellor ocasión. Tamén se suspenderon as actividades da Eira da Xoana en Ramil, Agolada, polo mesmo motivo: a choiva.

O Concello de Cerdedo-Cotobade rende homenaxe a Xela Arias cunha actividade escolar colaborativa. Os alumnos dos centros de Infantil e Primaria poderán enviar uns audios que realicen cos relatos que lles conten os seus avós ou que coñezan de telos escoitado na casa. A actividade prolongárase ata o 31 de maio. Todos os audios recibidos polo Concello serán publicados nun podcast para que podan ser coñecidos pola veciñanza.

Viravolta estreou «Menú de Refectorio»

A compañía lalinense de títeres, Viravolta, estreou onte na Casa da Cultura de Silleda o seu novo espectáculo Menú de Refectorio, dirixido a un público familiar que contou coa asistencia de maiores e cativos. A obra está baseada

en textos da obras tan coñecidas como O Conde de Lucanor, o Infante Don Juan Manuel e no Decamerón de Bocaccio. A posta en escena contou coa axuda dos monicreques que formaron parte dos personaxes, despois de que os actores sorprenderan ao público entrando pola porta da sala vestidos de negro. foto Miguel Souto

Recital de poemas e música con Vagalumes

A asociación Vagalumes festexou o Día das Letras Galegas cun acto público celebrado onte na Estrada. O acto contou cun recital aberto de poemas de Xela Arias e unha actuación musical de Jásper, Manu García e Patti Castro. Interviron ademais o escritor David Otero e o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira. Nun primeiro momento estaba previsto que os actos tiveran lugar na Praza da Música, pero a causa do tempo trasladáronse a cuberto e tiveron lugar a mesma hora no Mome. foto M. Souto

Taller de chapas nos Pendellos

Un total de trece cativos participaron onte nun taller infantil de chapas en homenaxe a Xela Arias impartido pola animadora sociocultural do Concello de Agolada, Inma Galego, no Pendello Comedor. Os rapaces o pasaron moi ben e demostraron o seu talento de artistas.

Festa das Letras no Pérez Viondi

O colexio Pérez Viondi da Estrada festexou onte as Letras Galegas cunha serie de actividades dirixidas a toda a comunidade educativa. Os rapaces asistiron a actuación de Paco Nogueiras e colocaron mensaxes nun gran mural conmemorativo.