Marino Lamas, faleceu un home vencellado ás terras de Deza

daniel gonzález alén

DEZA

daniel gonzalez alen

05 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana chegounos aviso do súpeto falecemento de Marino Lamas Costa no seu domicilio de Vigo. Contaba 77 anos e deixa viúva e tres fillos, e unha morea de amigos alí por onde o levou a súa traxectoria profesional e persoal. Nado en Corcubión, a súa profesión de perito industrial transcorreu integramente na empresa Unión Fenosa, da que foi delegado en varias localidades galegas, entre elas a de Lalín e a súa comarca dende mediados dos anos 70 deica os 90 do pasado século.

Foi neste cometido cando coñecemos a Marino, daquela compañeiro do noso pai na empresa. Tamén na compaña do noso pai e outros recoñecidos veciños de Lalín formou aquela candidatura de Unidade Galega para as eleccións municipais do ano 1979, na que trataban de contribuír a que a nova democracia chegase ao Concello, colaborando os dous tamén, de xeito altruísta, coa organización da Semana Verde de Galicia de Silleda, que por aqueles anos comezaba o seu inusitado crecemento.

Unha faceta na que destacaba, malia non ser promovido dabondo, era na pintura. Pintaba para si e de cando en cando para agasallar aos amigos, sen ánimo mercantil nin exhibicionista. Os máis dos temas eran mariñeiros, lembranzas do Corcubión natal, de Marín, terra da súa dona, e de Vigo.

Por se estas razóns non fosen dabondo para lembrar e gabar a súa traxectoria vital nestas terras, aínda temos que mencionar o seu libro A enerxía dos ríos na comarca de Deza, que co patrocinio do Museo da Casa do Patrón e o Seminario de Estudos de Deza saíu no ano 2003, e que constitúe un amplo e documentado catálogo das centrais eléctricas que funcionaron nos seis concellos de Deza dende finais do século XIX, e unha detallada relación dos nosos emprendedores conveciños que Marino Lamas quixo rescatar do anonimato.