«É unha honra sumarse aos homenaxeados»

amelia ferreiroa

DEZA

miguel souto

Bágoas de emoción nos ollos de Ernesto e Cristina, e nos do seu fillo Carlos polo Loureiro de Ouro 2019 do Foro para Cultivos Culturais de Lalín

04 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O ser a cafetería decana da hostalaría lalinense, memoria viva da vila, lugar de tertulia, exemplo de valores comunitarios e espazo aberto ás artes, letras e aos encontros coa inauguración da Sala Moderno son algúns dos motivos apuntados polos membros do Foro para Cultivos Culturais para otorgarlle á Familia do Café Camilo o Loureiro de Ouro 2019, no día de San Agrícola e San Próspero. O ser exemplo de pequeno comercio para o futuro, inspiradores do apego a Lalín, colaboradores en proxectos sociais e veciñais e a cordialidade que emanan Ernesto, Cristina e Carlos motivan unha homenaxe «que non esperabamos para nada e mesmo choramos», sentencian.

Ernesto López Neira foi quen no ano 1964 se fixo cargo dun establecemento aberto polo seu tío Camilo alá polo ano 1930, ao que chegou sendo un cativo de só uns 12 anos recén saído do colexio. Ao casar con Cristina Diéguez Camina no 71 comezou unha nova etapa que ambos lembran con agarimo e certa nostalxia. «Nós tostabamos o café, e cando o faciamos cheiraba en todo o pobo», conta Cristina. Ernesto puntualiza que o café o mercaba crú «a unha xente que mo vendía e viña do Brasil, de moi boa calidade». Da calidade do café do Camilo ninguén ten dúbida, nin antes nin agora, «aínda que as cousas cambiaron moito. Antes pedían café, café con leite, café con gotas... Hoxe con leite desnatada, de soia, sin lactosa... Hai que reciclarse coma en todas as profesións». Da súa clientela só falan marabillas. «O 90 % dos que entran aquí xa sabes o que van tomar. É clientela fiel, de toda a vida, xente que marchou para fóra pero que segue vindo nas súas vacacións», comentan con emoción. Unha cafetería decana da hostalaría lalinense nas mans actualmente de Carlos López Diéguez, terceira xeración de profesionais, que aposta por manter este negocio familiar que conserva a memoria histórico do tempo nos pés das súas mesas.