Biblioterapia, lecturas saudables

Rosa M. Díaz

DEZA

28 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que practicamos a lectura sabemos da súa capacidade de curación, do seu papel para axudarnos a comprender a realidade, da súa importancia para fomentar o coñecemento propio e desenvolver a empatía cos outros. Sabemos da súa facultade para facernos entender o que nos pasa, e recoñecer os nosos problemas e fortalezas nos problemas e fortalezas dos demais. Os que practicamos a lectura sabemos que nos achega ao outro e a nós mesmos, e que axuda a aumentar a autoestima.

O acto de ler como ferramenta para aprender, para coñecer e para entender o noso mundo, que  iniciamos na escola e na familia e que as bibliotecas fomentan ao longo de toda a nosa vida, acaba por se converter en amor polos libros. Moito disto está no proxecto Biblioterapia. Biblioterapia é un proxecto que, inspirado en exitosas  experiencias  británicas, nace como resposta á petición dunha persoa ao non atopar lecturas axeitadas para un familiar ingresado nun hospital. Biblioterapia nace tamén por ter dado con persoas con sensibilidade para atender esta petición, persoas con capacidade de ilusionar, comprometer e poñer en funcionamento a un equipo multidisciplinar de profesionais da saúde, do mundo da literatura, a asociacións de pacientes, aos bibliotecarios de hospitais e a bibliotecarios das bibliotecas públicas para facer un traballo de lectura e revisión dunha listaxe de obras ata chegar a seleccionar os 142 títulos recomendados que conforman este proxecto.

Biblioterapia, lecturas saúdables pretende ser unha guía para axudar, apoiar e orientar a persoas con algún problema no ambito da saúde mental e aos seus familiares ou para calquera persoa que necesite enfrontar os pequenos conflictos que pode sufrir ao longo da vida.  Por este motivo, está dividido en libros de autoaxuda e psicoeducación recomendados por profesionais sanitarios, e novelas e libros de non ficción recomendados por profesionais da literatura, bibliotecarios e pacientes. Os libros, ademáis, están clasificados por idades -para pequenos, mozos e persoas adultas-, por obxectivos terapéuticos e como resposta a pequenos problemas cotiáns e apoio ao desenvolvemento persoal.

As 142 lecturas recomendadas do proxecto Biblioterapia lecturas saudables poden atoparse físicamente nas bibliotecas dos grandes hospitais galegos, onde se prestan a pacientes e acompañantes, na Biblioteca pública de Ourense e nas outras dependentes da Xunta de Galicia nas que están a disposición de calquera cidadán. Tamén están disponibles en formato dixital na plataforma de préstamo electrónico GaliciaLe (http://www.galiciale.gal) da Rede de Bibliotecas de Galicia. Estas obras pódense prestar por 21 días co carné de persoa socia de calquera das bibliotecas públicas ou municipais de Galicia.

Ademais do innegable valor do proxecto en si, outro dos grandes valores de Biblioterapia lecturas saudables é a apertura das bibliotecas hospitalarias aos pacientes e ás familias, superando a súa principal vocación de servizo especializado. Permitiu, ademais, a cooperación de distintos sectores profesionais, abrindo novas liñas de traballo e colaboración. Biblioterapia é un proxecto novo no noso entorno, aínda pequeno, pero sinala unha liña de traballo que sería desexable continuar. Mesmo como a propia lectura, este tipo de proxecto fainos máis solidarios, máis humanos, máis empáticos. Podedes acceder á listaxe de libros e coñecer máis a fondo este proxecto na páxina da Rede de bibliotecas de Galicia: (https://rbgalicia.xunta.gal/) 

Rosa María Díaz Naya é directora da Biblioteca Pública