«O PSOE debe abandonar a ambigüidade na que está»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Continúan as reunións entre as distintas formacións encamiñadas a poder formar goberno

11 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vila de Cruces é un dos municipios galegos que aínda non pechou un posible pacto de gobernabilidade, despois de que o PP perdese a maioría absoluta nos comicios do pasado 26 de maio. Xuntos polo noso concello, PSOE e BNG manteñen encontros para tentar pactar un acordo de cara ao vindeiro día 15, xornada en que se celebrarán os plenos de investidura. Dende o BNG, o concelleiro en funcións Álex Fiuza, afirma que seguen traballando nesa dirección.

-Reunímonos a semana pasada non con todos, pero si cos dous partidos que queren facer a coalición para gobernar. Nós temos unha postura clara, reafirmada polos nosos militantes e afiliados nun encontro o pasado sábado, e é que o pobo falou e falou de cambio; e ese cambio é evidente que polos resultados pasa pola esquerda, e tócanos a nós que temos máis concelleiros que o Partido Socialista. Pola súa banda o PSOE debe abandonar a ambigüidade na que está e facilitar ese cambio a un goberno progresista.

-Cal é o posicionamento de Xuntos polo noso concello?

-Teñen claro que queren a alcaldía pero isto trátase dunha cuestión de responsabilidade. Para nós seríanos fácil manternos á marxe, continuar na oposición ao longo de catro anos e esperar a chegada dunha posible nova oportunidade, pero trátase dunha cuestión de responsabilidade e agora mesmo falaron as urnas e que o cambio ten que ser pola esquerda e con transparencia, que é o que ofrecemos.

-Os plenos de investidura son o sábado, o tempo vai apremiando.

-É unha semana na que seguiremos mantendo reunións coas distintas formacións para intentar pactar un acordo pero para iso, repito, os socialistas teñen que pronunciarse. O PSOE e o BNG ao longo do país comprometen o seu apoio para favorecer cambio de gobernos, e precisamos que nos apoien e saquemos un goberno de esquerdas. Claro que as conversas son difíciles, hai que acercar posturas pero o cambio ten que habelo e temos que traballar niso.

-O PP considera que Jesús Otero debe ser novamente alcalde ao ser a lista máis votada nas pasadas eleccións municipais.

-É algo que a xente non quere e nós non queremos que pase. Non queremos que se cambie unha persoa por outra e ir na mesma dirección na que levamos tantos anos. O cambio depende de nós, do PSOE e de Xuntos que xa deu un paso importante para romper a maioría absoluta do Partido Popular, e agora debe favorecer o cambio con nós. A nosa postura é moi clara e a da xente que nos apoia tamén. Falamos con claridade dende o primeiro momento.

-Cando se presentou como candidato do BNG á alcaldía cruceña imaxinou que se puidera dar esta situación?

-O certo é que si. Xa o comentei por aquel entón en entrevistas; estabamos e estamos nun momento en que se respira un aire de necesidade de cambio, e hai que favorecelo xa que o demanda o pobo e debe ser un acordo de responsabilidade.