Recycling sorteará un escaparate para costear a viaxe a Marrocos

amelia ferreiroa

DEZA

miguel souto

O colectivo, que almacena 300 bicis, busca colaboracións económicas para levalas a Guinea Bissau e Marrocos

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O proxecto de recollida solidaria de bicicletas Recycling, nado en Lalín baixo a dirección de José Luis Pereira, enfila case un final de etapa: a entrega das mesmas a colectivos que o precisan para darlles unha segunda vida útil.

Unha iniciativa que naceu a pequena escala e «coa idea de xuntar unhas vintecinco bicis», comenta o impulsor da idea. A cifra comezou a medrar para acadar na actualidade o nada despreciable número de trescentos exemplares, entre as de nenos e de adultos. Bicis que foron doadas por toda Galicia «e mesmo temos algunhas en Cantabria e Asturias que non puidemos ir a recoller e que quedarán para un posterior envío». E é que agora a prioridade de Recycling céntrase na lóxística para trasladar ata Guinea Bissau e Marrocos as bicicletas; «no primeiro caso van en contenedor pero a Marrocos queremos ir en persoa a levalas e distribuilas entre as escolas, orfanatos e asociacións que operan alí». Unha viaxe que conleva un desembolso económico importante polo que se está ultimando a posta en marcha dun gran escaparate de produtos que se sorteará con toda probabilidade para o vindeiro mes de maio. «O desprazamento a Marrocos será para xuño case seguro, ao dependermos tamén dunha produtora que nos vai acompañar para recoller todas as etapas e as entregas». Antes a idea é presentar nun par de semanas un camión-escaparate cheo de produtos galegos, valorado en miles de euros, para o que se porá a disposición dos interesados rifas, «algo semellante aos cartóns que hai no Nadal para optar ás cestas», para poder facerse co gran premio. Unha venda de cartóns coa que se busca sufragar o custe do desprazamento das bicis, máquinas de escribir e coser.